Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 16/04/2020
O que se está a dicir sobre unha hipotética reedición dos Pactos da Moncloa forma parte desa práctica recorrente. Quen manexa esta analoxía coñecen as importantes diferenzas que existen entre ambos momentos históricos. Pero non está tan claro que midan ben a natureza do pactado hai máis de 40 anos.
A envergadura da crise económica española daqueles tempos non é discutíbel. Tampouco o é a singular coincidencia daquel desequilibrio coa inestabilidade política derivada da saída do réxime franquista. E calquera que estudase aquela época coñecerá ben a estratexia elaborada polos dirixentes do PCE, encabezados por Santiago Carrillo. O núcleo central que explica a existencia daqueles Pactos foi a transacción entre o duro axuste económico que asumían as clases asalariadas e a promesa de certas reformas políticas conxunturais (ademais do compromiso implícito de elaborar consensuadamente un texto constitucional). Para a esquerda presente naquel acordo (PSOE, PCE, CCOO, UXT), eran asumíbeis os importantes recortes que aceitaban para as súas bases sociais porque se establecían unhas contrapartidas políticas nun contexto no que aínda non existía unha estrutura democrática minimamente consolidada.
Hoxe, a pesar das graves incertezas abertas polo coronavirus no escenario económico europeo e mundial, os hipotéticos acordos non se poderían establecer nun ámbito de intercambios como aquel. A política española está como está, con serios problemas (Cataluña, estrutura territorial, caída reputacional da Monarquía, dificultades de adaptación ao novo mapa pos- bipartidista…) pero o shock provocado pola crise sanitaria require compartir un diagnóstico sobre as debilidades que está a mostrar a lóxica dominante no sistema económico e, consecuentemente, buscar puntos de encontro para reconstruír o danado.
Polo que se está vendo e escoitando, a dereita política (PP e Vox) e polo menos unha parte da patronal desexaría que un eventual pacto levase aparellada a ruptura do actual goberno entre PSOE e UP. No canto de valorar a relativa moderación da forza dirixida por Iglesias e Garzón, semellan apostar por unha ruptura política que enterre calquera posibilidade de viabilizar políticas de forte gasto social e de maior redistribución das cargas impositivas.
Con declaracións como as de Pablo Casado (pedindo a rebaixa ou eliminación indiscriminada dalgúns tributos) ou as dalgún dirixente patronal de Cataluña (reclamando que o recente permiso laboral recuperábel fose financiado polas arcas públicas) non parece existir a masa crítica necesaria para un acordo de amplo espectro. E iso sen contar con que a terceira forza política do Congreso - Vox- está a practicar unha táctica que busca crear as condicións para reeditar aquel “goberno de concentración nacional” que postulaba o xeneral golpista Alfonso Armada o 23 de febreiro de 1981.
Non é realista pensar nuns Pactos da Moncloa II. Cecais poidan abrirse paso acordos parciais sobre o reparto das cargas orixinadas por esta pandemia. Dependerá do tipo de presión que se rexistre no corpo social e o seu impacto na elite política. Veremos.
Xesús Veiga
Imaxe do cinco candidatos nas eleccións do 10N: Pedro Sánchez (PSOE), Pablo Casado (PP), Albert Rivera (Cs), Pablo Igrexas (Unidas Podemos) e Santiago Abascal (Vox)
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting