Un debate de investidura tornado en debate sobre o estado da autonomía, no que o aspirante á presidencia mostraba un mundo virtual no que todo vale por ser referendado polas urnas, mentres a oposición mostraba unhas evidentes carencias á hora de mostrar alternativas ás políticas liberais do actual goberno galego en funcións, conformando entre todos unha “tormenta perfecta” política na que os lóstregos en troques de iluminar o ceo, escurecen de xeito preocupante un horizonte cada vez menos visible. Mentres o aspirante á presidencia caía case dun xeito dramático na comparanza da miseria con outras comunidades do Estado, a oposición recitaba un parte de guerra no que as baixas medran exponencialmente a pesar dalgunhas trincheiras.
Mentres Beiras falaba de Dickens facendo referencia a súa célebre novela “Oliver Twist” e ao estado de pobreza sobrevida que estamos a sufrir na sociedade galega, Feijoo semellaba estar máis cómodo con outra obra do xenial británico chamada “Conto de Nadal”, asumindo de facto o papel da “pantasma do nadal pasado” dende o momento no que culpaba, aínda a estas alturas, da situación económica á xestión do chamado bipartito entre nacionalistas e socialistas. Mentres, Pachi Vázquez, como se dun membro da “santa compaña” se tratase, percorría un treito máis cara a morte do actual concepto de socialdemocracia, na que podemos observar como curiosamente quen intenta reanimar ao moribundo é nin máis nin menos que o enterrador, e non o xefe da UCI. Pola súa banda a actual cabeza visible do BNG, -porque falar de liderado sería igual a descrición dun conxunto baleiro-, demostraba que o seu non é a espectacularidade mediática na exposición do Barrabás galaico, mais si unha sobriedade e coherencia no discurso de Jorquera, que o salva da queima dunha sesión de investidura argumentalmente prescindible.
Mentres os galegos seguirán a sufrir unha travesía do deserto cara un barranco final, ante o cal escoitando as previsións da OCDE sobre crecemento, e a súa petición de abaratamento no despido e subida do IVE para afogar aínda máis ás familias, un case prefire que sexa verdade o dato do calendario maia que prognostica a fin do mundo para o 21 de decembre, máis que nada para non perder moito máis tempo…
Ou non?
Rafael Cuiña