Unha cuestión de principios

Moitos son os que pensan que a xudicialización da actividade política é negativa para a imaxe dunha caste cada vez peor valorada nas enquisas, e con clara tendencia a non querer cumprir determinados códigos éticos que a sociedade esixe.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 15/12/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Esta semana de novo, ábrese o debate sobre a renuncia ou non dos cargos institucionais imputados polo poder xudicial. A miña modesta opinión é clara e rotunda a este respecto, un cargo público imputado, debe deixar inmediatamente o seu cargo. A política debe ser unha actividade exemplar e transparente, e non un algoritmo indescifrable no que as esixencias sexan distintas en función do grado de amizade dos imputados cos seus superiores xerárquicos, como estamos vendo estes días. A operación “Campión”, xunto coa operación “Pokemon”, non son máis que o reflexo dunha situación insostible que fai que os cidadáns cada vez pensen con máis convencemento ese clásico inxusto que di que “todos os políticos son iguais”, cando en realidade son na súa inmensísima maioría xente decente ensombrecida por sangrantes e mediáticos casos de corrupción.
 
Hai poucos meses, a ex presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, coa que ideoloxicamente  non comparto nada, facía unha acertada reflexión, pedindo unha reforma penal na que se contemplase unha figura intermedia antes do grado de imputación, ao que chamaba “investigado”. Probablemente ese poida ser o camiño para que determinados casos, -e sempre vén á mente o acontecido con Demetrio Madrid- non rematen co fin da carreira política de algúns inculpados, posteriormente declarados non culpables polo poder xudicial. Mentres, algúns prefiren seguir matando a Montesquieu, e non respectan a separación de poderes, confundindo o ámbito lexislativo co xudicial, e dubidando da acción independente da xustiza, nun comportamento máis propio de ditaduras africanas que de democracias maduras.
 
A presunción de inocencia é unha situación procesual e non un axioma político. Son cousas claramente diferentes, co que a responsabilidade política a asumir é ben diferente da situación xudicial a tratar. O perigoso vén cando determinados membros das cúpulas dos partidos políticos actúan con diferentes varas de medir, en función non do tipo de delito imputado, senón do persoeiro afectado, porque do contrario non se entende como algúns deixan aos pés dos cabalos a persoas como a concelleira compostelá Rebeca Domínguez, vítima propiciatoria dunha situación na que a lóxica apunta a que ao mellor de xeito miserable, os indutores de determinadas firmas con repercusión xudicial, son os mesmos que a advirten da súa necesaria dimisión en caso de permanecer nesa situación procesual.
Ou non? 

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.