Apoloxía do continuismo

As primeiras decisións tomadas por Núñez Feijoo no inicio do novo mandato como presidente da Xunta revelan unha preocupante lectura dos resultados electorais do pasado 21 de Outubro.

Por Xesús Veiga | Compostela | 17/12/2012

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
No canto de aproveitar a súa mellorada maioría parlamentaria para emitir sinais renovadoras no territorio da necesaria rexeneración da vida institucional, Alberto Núñez mantén a vixencia de prácticas que provocan a lóxica desafección de amplos sectores da cidadanía.A ratificación nos seus anteriores cargos de Xesús Vázquez (conselleiro de Educación e Cultura) e de Roxelio Martínez (delegado territorial na provincia de Ourense) desautoriza as declaracións solemnes formuladas na campaña electoral e converte en papel mollado as pretensións anunciadas a respeito da vixencia dun esixente código de conduta para as persoas do PP que ostentan cargos nas institucións políticas.
 
No primeiro caso, a moción de censura emitida nas recentes sentenzas do TSXG sobre dous aspectos básicos da lexislación lingüística implantada polo conselleiro despois das eleccións do ano 2009 debería levar aparellada a substitución do mesmo aproveitando a designación da nova equipa gobernamental.Estamos en presenza dun curioso paradoxo:mentres se invoca a necesidade dunhas decisións xudiciais previas para tomar medidas no ámbito da corrupción non se asumen as consecuencias políticas dun veredicto do Tribunal Superior que invalida as premisas maiores do decreto teimudamente defendido por Vázquez.No caso de Roxelio Martínez, o despropósito resulta evidente:a pesar de estar imputado xudicialmente segue disfrutando da confianza presidencial mentres outros cargos públicos do mesmo partido foron obrigados a presentar a dimisión.Debemos concluír, por acaso, que Feijoo está investido dunha autoridade singular e infalíbel que lle permite administrar discrecionalmente a intensidade e os prazos de asunción das responsabilidades políticas no PPdG?.
 
Para completar o panorama, asistimos á repetición dunha xogada xa practicada noutras ocasións:desígnanse para determinados cargos da estrutura administrativa da Xunta a persoas que dimitiran dos mesmos hai poucos meses para formar parte das candidaturas á cámara do Hórreo.Ou sexa:a presenza nos postos destacados das listas foi utilizada para premiar fidelidades e asegurar a continuidade profesional na política daqueles cargos que poderían resultar damnificados ante un eventual trunfo das forzas da oposición.Todo moi exemplarizante para os tempos que corren.Moi apropiado para alongar a distancia entre representantes e representados.A maioría absoluta non é unha patente de corso  que valide a pertinencia de todas as decisións adoptadas invocando semellante lexitimidade.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.