Unha volta ao galeguismo pouco crible

Dicía Castelao, pai da patria galega, que aos señoritos non lle gusta que chova, mais si as patacas. Traducido a termos electorais para o actual Partido Popular de Galicia, todo o que soe a galeguismo non vai no actual ADN, mais non poden renunciar ao tradicional voto de moita xente de alma galeguista que sigue votando á formación conservadora.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 21/01/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
O que aínda entendo menos é porque hai que volver ao “galeguismo de Fraga”, se algúns levan tempo asegurando que nunca se afastaron desa ideoloxía. Probablemente o subconsciente traizoe a algúns dirixentes que sempre se consideraron o que probablemente nunca foron. É indubidable que nos gobernos de Manuel Fraga existiron varios membros aos que o termo galeguista podía definir perfectamente polo respecto e promoción da nosa cultura, e por antepoñer os intereses desta terra aos do máis rancio centralismo castizo. Fraga non era un galeguista, mais tivo a intelixencia de transformarse nun político que polo menos respectaba o que para algúns a día de hoxe é simplemente molesto.
 
Esta xeración de dirixentes populares, afirma agora que a volta ao galeguismo e o humanismo cristián, son obxectivos básicos no congreso que celebran en Lugo,  que debe marcar a liña política desta formación nos próximos anos, e que para comandar esa travesía, o perfil escollido de dirixentes galeguistas e humanistas cristiáns son Alfonso Rueda ou o propio Rafael Louzán. Os militantes e afiliados, teñen todo o dereito a escoller votar ou non unha única lista que propón ese perfil para defender esas ideas, o que acontece é que ao mellor a consecuencia é que se atopan con dirixentes dispostos a defender o que nin sequera saben  que significa.
 
Volver ao galeguismo de Fraga, Cuíña ou Palmou, como achega semella interesante…  que o queiran facer Rueda ou Louzán é cando menos pouco crible, e para algúns que saímos desa organización pola súa deriva antigaleguista, cando menos insultante.
 
Os mellores desexos pois para o congreso da formación en votos máis importante de Galicia, e o recordatorio aos seus dirixentes de que os cefalópodos en política que se pegan cos seus tentáculos as súas presas votantes, co tempo sempre rematan sendo devorados nalgunha feira do país, por paisanos que lles importa moito máis a esmorga que a miseria cuantitativa electoral.
 
Ou non?

Rafael Cuiña