Sabor búlgaro

Si. Politicamente falando, Lugo foi Bulgaria durante dous días:o tempo que necesitou o PPdG para cumprir o trámite do seu Congreso aprazado. Paseo triunfal, porcentaxes de case o 100% na aprobación dos relatorios e das candidaturas aos órganos de dirección e demostración práctica dunha variante do vello “centralismo democrático”: os niveis inferiores sométense aos superiores e todo o partido ás decisións do seu máximo dirixente.

Por Xesús Veiga | Compostela | 30/01/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Núñez Feijoo mostrouse sen complexos cando afirmou que a formación que el preside é a mais honesta de todas as organizacións políticas do Estado.Con ese nivel de modestia non é pertinente agardar análises autocríticas a respeito dos imputados nas diversas causas abertas nos últimos meses.Velaquí a singularidade do código ético do PP:só hai unha persoa lexitimada para interpretar en cada momento a dimensión concreta que debe posuír o proceso de asunción de responsabilidades políticas.Feijoo é quen decide as dimisións que se ofrecen á opinión pública:Conde Roa e Adolfo Gacio si; os alcaldes de Fisterra e Mazaricos non.Xosé Luis Baltar debe pagar un anticipo pola súa imputación pero Roxelio Martínez –delegado territorial de Ourense- segue en activo a pesar de padecer a mesma situación procesal.
 
Felipe González avisou, no seu día, do perigo de morrer de éxito.O recente Congreso de Lugo confirma que o PPdG cumpre esa lei non escrita segundo a cal todo partido que obtén bos resultados nas urnas disfruta dunha “pax” interna que só desaparece cando fica mergullado nos fracasos electorais.Por iso resulta sorprendente a coincidencia desta cita congresual coas liortas intestinas rexistradas en Santiago, Ames ou Pontevedra.Cómo se compadece a presunta eficacia directiva da equipa de Feijoo con esas divisións tan estrondosas nos grupos municipais gobernantes?Hai traballo pendente para Alfonso Rueda, Agustín Hernández e Paula Prado pero non se sabe se terán tempo para compatibilizar as tarefas institucionais no goberno e no Parlamento co seu labor orgánico.Esta acumulación de cargos nas persoas que ocupan o cimo da pirámide do PPdG non foi obxecto de explicación por parte do gran líder.Non sabemos se estamos ante unha carencia espectacular de cadros que merezan a confianza do presidente ou ante a deliberada configuración dun círculo pechado para asegurar o control efectivo do aparato partidario.
 
O gran ausente na festa triunfal de Lugo foi Rajoy.Algo lle debeu cheirar mal para non acudir a esta cita búlgara.As eventuais fotos con algún dos Baltares ou con Currás provocáronlle unha alerxia perfectamente descritíbel.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.