Falsos heroes e a cuarta parede

A CUARTA PAREDE Abre cun plano xeral impresionante: o público vai sentando no auditorio e agarda que comece unha exquisita interpretación musical. Quedan todos contemplados desde o punto de vista dun escenario voyeur mentres se acomodan e se van despoxando da roupa innecesaria; asemade, mudan os seus rostros para adecualos á sensibilidade artística. A luz devala por eles ata facelos tan invisibles coma carnais. Polo demais, a min seméllame a mellor escena da última película de Haneke.

Por Mariña Pérez | Ames | 04/02/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
O que vai vir a continuación aféctanos a todos, incúmbenos por igual, semella advertirnos. Turbador. Rómpese así a cuarta parede, a invisibilidade que nos exime de toda culpa. O certo é que todos somos xuíz e parte, actores e directores, protagonistas e figurantes, a todos nos toca a obra de cheo. Todos inocentes e culpables, responsables e irresponsables. Co-guionistas da farsa. Hai que existir, aínda que sexa para comezar a desexistir. O teatro interactivo fronte ao espectador covarde que pensa que está aí para que o divirtan e o entreteñan. Quedan no aire os finais adiantados, o obvio do argumento, o previsible, a sobreactuación, ata a xustiza poética. 
Noutra película máis clásica, tamén Groucho Marx rompe esa parede imaxinaria que separa realidade e ficción: cando seu irmán Chico vai tocar o piano, Groucho diríxese ao publico e dille que non teñen que aturalo se non queren; a el non lle queda máis remedio porque está alí presente, pero a xente pode saír ao vestíbulo e non escoitalo. 
 
Existe a opción de non quedar a ver o espectáculo cando o espectáculo ameaza con ser repulsivo. Ou talvez facer algo para evitar que se consume esa patética actuación.
 
DE HEROES DERRUBADOS
 
Opino que é mellor cumprir o castigo que quedar zarrapicado pola culpa, sempre baixo a sombra da sospeita. Léase a agonía de Contador ou Armstrong. Pero lévanos demasiado tempo descubrir o falso heroe. Sete tours despois semella que algo non estaba limpo na urina nin na neveira do heptacampión. A pesar de tantos vampiros, tantas probas e tanta UCI, algo non era decente no seu sangue. Sete tours despois desaparecen inocencia e valor, heroicidades varias de alta montaña. Que celeridade a da xustiza! A mesma coa que se investigou as prácticas de enchufismo na era baltarista. Ninguén viu nada no seu momento, suponse que entre a indiferenza e o “ti vai facendo”. E a propósito, como se lle retira a honra ao líder manchado pola trampa?
 
Como se anula o momento de gloria? Como se admite a fraude no heroe? Que se fai cos heroes caídos ou, máis ben, derrubados?.
 
Romper a cuarta parede implica ser parte do elenco. Ter algo que dicir na historia. Saber que estás implicado no que se narra. 
 
Haneke ten razón no seu plano xeral. Todos somos protagonistas e secundarios. Todos e todas ciclistas, deputados, xornalistas, parados. Todos preparamos oposicións e enviamos currículos para un posto laboral. Somos público e coro. 
 
Pero Groucho tamén a ten. Ninguén nos obriga a sentar na primeira liña do circo a presenciar os animais amestrados a dar voltas na nora sen moverse do sitio. Espectadores mudos, sen papel, sen pestanexar ante  a mentira e a fraude. Entre a conivencia e o NS/NC.

Mariña Pérez



Mariña Pérez Rei

Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.