Por acción ou omisión

Vivimos nun período de forte axitación político-mediática, no que o saber ler entreliñas é un exercicio so para iniciados, mentres o pobo, alleo a tanta miseria moral, observa estupefacto o que acontece.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 11/02/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
A este modesto columnista, gústalle que os seus escritos conten verdades, -ás veces inconfesables-, sabendo de primeira man que determinados exercicios de coherencia e sinceridade, non saen de balde e quedan apuntados nas cadernos dos executores da verdade, e dos deturpadores das conciencias limpas. Por todo iso debo dicirlles, que a pesares da miña condición de nacionalista galego, e de estar cada día máis afastado das súas políticas reaccionarias para o ben común, considero ao actual Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, unha persoa honrada, que cre no que fai e que non se deixa levar polos cantos de serea da corrupción, que salpica en outros lares.
 
Estou convencido que asistimos a unha operación de moito máis calado, do que a simple vista podemos observar, na que determinados poderes fácticos decidiron rematar cun goberno democraticamente elixido nas urnas, por non servir aos seus intereses. É certo que probablemente o xeito de financiarse os partidos políticos neste país, deixa moito que desexar e que pode supor de facto, unha actividade presuntamente delituosa. É certo, se falas con uns e outros, que non negan que as prácticas non son as máis transparentes dentro das tesourarías das formacións políticas, por iso sorprenden algúns exercicios de cinismo sobre financiamento cando para algúns o argumento é tan sinxelo como “nós xa pagamos por Filesa, agora tócalle ao PP”.
 
Seguramente non por acción, mais si por omisión, Mariano Rajoy ten un problema grave que pode rematar nunha fonda crise para o sistema político. As enquisas do CIS, e o exercicio san para un político de pulsar o estado de ánimo da rúa, indican niveis de desafección perigosos. Algúns están xogando unha partida de xadrez politicamente mortal na busca de elevar aos altares da xestión a tecnócratas que sirvan intereses bastardos, e o risco é que mentres nós somos simples peóns, eles teñen perfectamente protexido ao rei e xogan con varias raíñas. Mentres, as ratas desmárcanse dun barco tocado e con visos de afundir, para deixar claro que elas non teñen nada que ver coa fenda pola que entra a auga, cando en realidade levan moito tempo sendo os termes que conseguen que a declaración de ruína, estea próxima. Será que o que parece “esperanza”, non é máis cun retrato de Dorian Gray
 
Ou non? 

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.