Debate sobre a desesperación

Escoitando aos principais portavoces parlamentarios, no chamado “Debate sobre o estado da nación” no Congreso dos Deputados estes días, a un dálle a impresión que algunha das súas señorías viven nunha realidade paralela á do pobo ao que teoricamente representan. Todo isto cun evidente agravante en forma de dor social insostible por parte da cidadanía, que eles semella non sentir.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 22/02/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Poden cualificar de populistas as miñas verbas, ou para algúns demagóxicas, mais so é necesario pisar a rúa e escoitar ao común dos mortais, para ser testemuña do grado de desesperación no que nos atopamos. Mentres na chamada “Carrera de San Jerónimo”, uns e outros teiman en enfrontamentos insubstanciais, que so buscan a descualificación do rival político transformado en obxecto a bater por riba de argumentos. Tanto Mariano Rajoy como Alfredo Pérez Rubalcaba pertencen xa, no chamado “imaxinario colectivo”, a un grupo de políticos perfectamente prescindibles, que viven como auténticas pantasmas cumprindo a condena da falla de credibilidade; un como reiterado incumpridor do seu programa, e o outro por ser actor principal dun pasado recente socialista absolutamente corresponsable en parte da situación actual.
 
O discurso de exposición do presidente obviando o drama dos desafiuzamentos polo que están perdendo a vida cidadáns, ou o paso por riba duns niveis de corrupción que alarman á nosa sociedade, son sintomáticos desa táctica tan propia de Rajoy, -e que tan bos réditos electorais lle ten dado-, do mirar cara outro lado cando non interesa. Mergullado nas frías cifras e no recoñecemento á submisión a quen nos presta os cartos, o panorama non pode ser máis desalentador a pesares da batería de medidas de estímulo despregadas dende a tribuna, moitas das cales xa eran en orixe promesas logo incumpridas. Non podo deixar de ser unha vez máis sincero con vostedes, se lles digo que a dupla Rubalcaba-Cayo Lara fai tremer os cimentos do que debera ser unha alternativa seria, e non é máis que unha morea de achegas non realizables para captar descontentos a modo de voto da desesperación. En Galicia diso sabemos moito.
A tradicional pata de apoio que representaba o nacionalismo catalán non é máis que un niño de presuntos corruptos dos que calquera mente non demasiado obtusa a día de hoxe debe escapar. Por todo isto, corremos o risco de caer en mans da influencia decisiva de formacións con políticas que poderían subscribir pro falanxistas, como é o caso de UPyD, para escarnio dun sistema que semella facer augas por todos lados. O resultado desta ecuación está claro, este sistema hai que mudalo…
 
Ou non?

Rafael Cuiña