Qvo vadis Chacón?

Esta semana, unha vez máis, a situación de descomposición do Partido Socialista quedou claramente reflectida no desamor político declarado de facto, entre o PSC e o seu tradicional socio estatal, o PSOE.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 04/03/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Sobre a base dunha controvertida votación nas Cortes sobre o chamado “dereito a decidir” en Cataluña con respecto á consulta soberanista, unha “tormenta perfecta” fai tremer o liderado de Alfredo Pérez Rubalcaba, xa moi tocado polos avatares demoscópicos que sufre practicamente a diario. Menos presentable é a calculada ambigüidade desa alternativa por concretar chamada Carme Chacón, que nun xesto de covardía política, non vota unha cuestión decisiva para o futuro das relacións entre socios políticos. Non votou co seu partido o PSC a favor da consulta, nin en contra como fixo o PSOE, amosando que a ambición pola cadeira de Rubalcaba é moi superior á necesaria toma de decisións dun potencial aspirante a líder dunha formación de 135 anos, que non é precisamente calquera na Historia política hispana.
 
Seguramemente esta polémica non sería posible en outras democracias máis consolidadas como a británica ou a propia dos Estados Unidos, porque probablemente cun axeitado e argumentado sistema de listas abertas, esa disciplina imposta de voto por parte dos grupos parlamentarios no ámbito político do Estado español, daría paso a certa liberdade de criterio dos deputados, sempre dentro dunhas lóxicas columnas vertebrais a respectar en canto a esencia ideolóxica das tomas de decisión políticas desa formación. No sistema español de listas pechadas e bloqueadas, vemos como cuestións que se votan favorablemente no Parlamento galego como o apoio ao “dique seco” no Ferrol, pasan a ser rexeitados nas Cortes españolas tamén por deputados galegos da mesma formación.
 
A madurez dunha democracia pódese medir tamén polo necesario debate dentro das formacións políticas, mais tamén o dereito a disentir dentro delas por aspectos puntuais que afectan aos intereses que defenden determinados representantes públicos dentro das súas circunscricións. Así, diminuirían exponencialmente as posibilidades de comportamentos “trileiros” como o da deputada Chacón, que amosan que algúns antes de apoiar á súa formación política ou pronunciarse con claridade cando é preciso, o que fan é so pensar na súa desmedida ambición que os descualifica para ter credibilidade nun futuro próximo.
 
Ou non?

Rafael Cuiña