Os defensores mediáticos de Feijoo no “affaire” con M. Dorado utilizaron nestes días tres argumentos principais para neutralizar a forte repercusión provocada pola reportaxe fotográfica:o actual presidente da Xunta non cometeu un ilícito penal; as fotos forman parte dunha estratexia dirixida a rematar coa carreira política do dirixente do PPdG e, ademais, Alberto Núñez non era coñecedor das verdadeiras ocupacións do seu compañeiro de viaxes.
Esta estratexia defensiva pretende reducir as responsabilidades no exercicio dos cargos políticos ao ámbito xudicial.Todo o que non é delitivo é admisíbel.A política e a moral fican afastadas.Instalados nesta lóxica, desaparece o valor e a importancia da exemplaridade no desenvolvemento das tarefas públicas por parte dos administradores dos recursos comúns.
Este episodio ofrecía a Núñez Feijoo unha oportunidade única para demostrar a credibilidade do seu invocado propósito de rexeneración da vida política galega.Concretamente, podía facer dúas cousas.Por unha banda, recoñecer o grave erro cometido cando era o Secretario Xeral da Consellería de Sanidade por manter relacións cun membro activo dos grupos que se dedicaban ao contrabando e, mais tarde, ao narcotráfico.Asumir que ese tipo de actividades merecían –e merecen- un traballo específico de crítica e illamento social no que deberían ocupar un papel destacado as persoas que se moven na esfera da política.En segundo lugar debería pedir desculpas pola deliberado uso electoral da coñecida foto de Anxo Quintana con Jacinto Rey por canto naquel momento xa era coñecedor da existencia das imaxes que agora se difundiron no xornal El Pais.Noutras palabras:despois de pedir a dimisión ou cese de Quintana no 2009, Feijoo exhibe agora unha obscena dupla moral que non se compadece co papel de presidente do goberno galego.Se por un encontro entre un candidato da segunda forza política do País e un empresario sen ningún antecedente ou causa xudicial considera inhabilitado a tal dirixente político, con moito mais fundamento debería asumir as responsabilidades derivadas da súa amizade con M. Dorado.
Xesús Veiga