Cortiñas de fume calculadas

Semana tras semana, as crónicas políticas na Galicia e nas columnas dos máis avezados escribidores, centran a súa temática en aspectos colaterais á propia esencia do que debe ser a política, facéndoo de xeito decepcionante coas condutas de uns e outros, nas que os egos substitúen á racionalidade.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 30/04/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Estou absolutamente seguro que a estratexia do PPdeG tentando provocar ao líder da coalición técnica hispano-galega chamada AGE, é totalmente calculada polos habituais estrategos dos populares, para que sirva de lamentable cortiña de fume sobre outros temas prioritarios que preocupan aos galegos, e que ás mentes pensantes interesa desviar das portadas diarias dos xornais. Non vou a ser eu que desculpe a actitude de Beiras de dar unha puñada no escano do Presidente da Xunta, na que seguramente sentíronse representados milleiros dos seus votantes, mais o vello profesor debe valorar até que punto alguén da súa traxectoria e recoñecida dilixencia, pode caer na trampa tendida polas provocacións deseñadas en despachos de asesores engominados.
 
Beiras co seu comportamento pode dar lugar a que moitos pensen, como en Ana Karenina de Tolstoi, que “repúgnalle ver todo o que non se faga segundo as súas ideas”, e iso beneficia a unha bipolaridade parlamentaria á que ao mellor está xogando, deixando entrever que so el pode representar unha necesaria oposición ao actual goberno. O curioso é que falando con destacados dirixentes do partido do poder, móstranse encantados coas diatribas do líder da coalición técnica, porque saben que sacarán triste rédito electoral de comportamentos que emocionan aos seus por dignos, mais que asustan a moitos de mente pasiva cando non aboubada.
 
Semella ser todo unha novela de Faulkner na que o drama psicolóxico supera con moito o previsible, e na que o vello combatente observa con indignación como as súas bágoa e emocións persoais son caricaturizadas por un actor principal indigno de tal comportamento, cando en teoría representa a todos os galegos. Esa puñada que pasará a Historia de Galicia, engadida ao nivel de rapidez expositiva do líder de ANOVA, fai que moitos non vexan que os únicos beneficiados son os populares, que ao mellor lembran que na época franquista daba moi bo resultado enviar ao Real Madrid ou ao “Cordobés” ás zonas de revoltas… aquí prefiren provocar, aceptando que é positivo para unha alternativa que con esas actitudes pensan que nunca será tal, tendo todo máis que calculado para abrir sen rubor unha vez máis determinadas caixas de Pandora.
 
Ou non?

Rafael Cuiña