Precisamente ese tipo de visións reducionistas sobre o idioma, veñen de aqueles mesmos incapaces de darse conta dunha riqueza inmensa como é o galego, desprezado por acomplexados imbéciles e escuros. Claro que, o que non é intelixente, é darlle armas arreboladizas a eses mesmos, dende os sectores que fan un traballo inxente, -e ás veces non comprendido-, para protexer un idioma tan tristemente atacado. As declaracións do presidente da Real Academia Galega da Lingua, Alonso Montero, contra o BNG son absolutamente innecesarias, cando non improcedentes, porque fomentan a sensación de fractura entre entes que teñen un mesmo obxectivo con respecto ao noso idioma.
Co BNG a este respecto, teño a sensación de que moitos galegos contemplan o seu modus operandi , como se dunha moeda se tratase. Por un lado a “cruz” de tentar patrimonializar unha teima que compartimos moitos que non militamos nesa organización, abusando da presenza da súa simboloxía en actos públicos que teoricamente son convocados por asociacións independentes, o que provoca un efecto contraproducente en moitos que compartindo a reivindicación non queren ser parte dunha presunta utilización partidaria. En algunhas manifestacións de defensa da lingua isto último chegou a ser, a ollos de moitos observadores, un elemento disuasorio da loita común. Mais o xusto é recoñecer a “cara” da moeda, e dicir, que mentres outros dedicábanse a mirar aos biosbardos, o BNG leva dende que existe traballando arreo na protección do idioma, e sendo vixía de tanta afronta e tanta inmundicia contra el.
Por todo iso, o presidente da RAG debe reflexionar e ver se é xusto e proporcional un ataque dese calado, a unha organización política exemplar na defensa do que el en teoría debería ser o seu faro. Porque moitos no galeguismo temos claro que aínda que determinadas cuestións de utilización política non nos gusten, sempre imos estar a carón dos que levan moitos anos partíndose a faciana polo idioma, mentres os escuros fan vergoñentas ofertas florais ao pai da patria en Bonaval, ao mesmo tempo que destrúen o seu legado cun sorriso…
Ou non?
Rafael Cuiña