Por Rafael Cuiña | Lalín | 20/05/2013
O que resulta aínda máis hilarante, son as declaracións do actual Presidente da Xunta de Galicia, afirmando que esta medida ía incluída no programa electoral que ofertaron aos galegos, e que certamente resultou vitorioso cuantitativamente. Curioso cumprimento que reduce as posibilidades de pluralidade política dun partido que sistematicamente fai, tanto a nivel do Estado, como na propia Galicia, exactamente o contrario do que prometeu no seu momento, botando teóricas culpas a herdanzas recibidas tanto do Partido Socialista na centralidade estatal que tanto lles gusta, como ao propio bipartito en Galicia.
Reducir deputados na cámara galega, e de facto dificultar de xeito porcentual as posibilidades de entrada de outras forzas políticas, non é máis que tentar asegurar cadeiras de poder dos que utilizan o Sistema para garantir supervivencias vitais disfrazadas de miseria política. Sen dúbida unha redución do complexo aparato administrativo do Estado é necesario, mais esa necesidade non pode afectar en modo algúns a realidades perfectamente diferenciadas historicamente como son Galicia, Euskadi e Catalunya. Curioso é observar que mentres os Parlamentos autonómicos vense reducidos na súa representatividade, as anacrónicas e caciquís Deputacións son reforzadas, nun claro xesto por parte do poder político da “necesidade” ao mellor de máis “Louzanes” e menos democracia.
Claro que de cemiterios de elefantes como os que supón o Senado do Estado non teñen moitas gañas de falar. Probablemente as diferentes forzas neguen esa posibilidade, xa que é mais importante a tranquilidade dos apartados da primeira fila política, que a austeridade con carga política ideolóxica. Pouco interese podemos apreciar tamén na posible redución de salarios, asesores e privilexios en xeral da caste política, porque claro, para algúns iso non deixa de ser máis que a rabecha dos “radicais de esquerdas”, que no canto de tragar con medidas tan austeras como reducir o Parlamento dunha nación como a galega, esixen a desaparición de órganos con tan boa sona como as “imprescindibles” Deputacións.
Nas mans dos galegos está frear esta afronta, e deixar de mirar cara outro lado, cando os mesmos que afirman gobernar para todos nós, no fondo son de espírito “amadrileñado”…
Ou non?
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting