Bipolaridade: unha patoloxía política

Observaba estes días con indignación, unha vez máis, como a caste política daba unha nova demostración de cinismo e utilización noxenta dos sentimentos da xente, cando o Partido Popular sen ningún tipo de rubor apoiaba medidas a favor dos estafados preferentistas no Parlamento galego, ao mesmo tempo que as rexeitaba en Madrid.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 04/06/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Nun país no que día a día as novas máis seguidas nos xornais on line son sobre temática de sucesos ou sobre os desamores do lixo rosae, seguramente a un non lle queden moitas esperanzas de reacción social ante tanta estafa, desafiuzamento, suicidios de xente desesperada, e un sen fin de desgrazas que reflicte a radiografía da nosa sociedade. Por iso moitos poden ver con normalidade o que para moitos de nós é unha vergoña; ver deputados galegos nas Cortes madrileñas votando contra resolucións unánimes do Parlamento desta terra, é a constatación do servilismo por acadar a cadeira do poder protexida pola impunidade de sistemas electorais de listas pechadas.

Toda esta aldraxe pasa desapercibida mentres nos lugares de debate político, que teoricamente representan a soberanía popular, seres ciclópeos devoran as entrañas da ética parlamentaria e os servís co poder aliméntanse do odio que proxectan para facerse máis fortes. Nos presuntos debates, hai máis palla que nas feiras medievais sementadas pola nosa xeografía, nas que os mozos combinan traxes de época con botas de auga á última moda, metáfora política dunha institución que está moi lonxe de ser o que debería ser.
Estou convencido que se o liderado político desta terra estivese en mans de formacións cos centros de decisión nela, e os deputados galegos en Madrid e Bruxelas pertencesen a elas, a desvergoña de votar contra os intereses de Galicia por imposición madrileña, non sería tal. Mentres podemos seguir asistindo aos espectáculos de circos de tres pistas, mentres as colas do INEM, que para algúns son como as do xuízo final á espera de sentenza, son cada día máis grandes e a desidia fai que un non se inmute cando o están avisando de que mentres toma un baño, as pirañas, a modo de políticos estafadores, soben polos canos á mesma velocidade que os salmóns remontando os ríos.

Eu son dos que non se resigna a seguir aturando un sistema que se alimenta de fillos morrendo antes que os pais, e que cre que os políticos elixidos para defender esta terra, poden prostituíse en Madrid por unhas poucas moedas.

Ou non?

Rafael Cuiña