Despois de varios anos de vixencia dunha nova normativa xurídica sobre esta materia, existe unha desacougante sensación de impotencia que debería provocar unha dupla reacción: maior reflexión sobre a natureza e o tratamento desta traxedia social e un renovado compromiso práctico de todos os sectores que non aceitamos convivir resignadamente coas intolerábeis estatísticas de vítimas causadas por semellante violencia.
A envergadura das cifras confirma que as leis son necesarias, pero non resultan suficientes para conseguir cambios substanciais nun asunto tan complexo coma este. Requírense, certamente, máis recursos económicos e unha maior eficacia na xestión dos medios humanos e materiais xa dispoñíbeis. Pero hai outros aspectos que demandan actuacións específicas e de longo percorrido temporal. Algo se está facendo mal durante os traxectos formativos de mozos e mozas para que -tal e como demostran diversos estudos demoscópicos- sigan vivos os estereotipos tradicionais que atribúen aos homes a capacidade para decidir a maneira de comportamento admisíbel na súa parella feminina. A presenza dun volume relevante de ensinantes que -sobre todo no ámbito dos centros públicos- simpatizan explicitamente cunha orientación igualitaria nas prácticas educativas debería de ser un factor decisivo na batalla por transformar a derivada preocupante na que nos atopamos.
Despois de tantas experiencias dramáticas coñecidas resulta evidente a transversalidade que se certifica nos perfís dos vitimarios: homes de distintas idades, diferentes niveis formativos e variados estratos laborais ou profesionais. Tal circunstancia está asentada nun denominador común que habita nos seus códigos mentais: o cariño é un sinónimo de posesión que explica a reacción ante o remate do vínculo afectivo por parte da parella feminina. Confesábao un procesado polo asasinato da súa compañeira sentimental no propio xuízo oral: “Quería moitísimo á miña muller. Saber que estaba con outro, derruboume”.
As cifras da violencia de xénero cuestionan radicalmente calquera tentación conformista emanada dos poderes públicos. E tamén constitúen un dramático emprazamento para quen desexa vivir nunha sociedade de persoas libres e iguais. A consecución dun cambio nos comportamentos colectivos esixe unha acción pedagóxica singular por parte daqueles homes que non aceitamos reproducir o rol dominante que nos vén atribuído no imaxinario herdado. Sen esa participación masculina, o percorrido do camiño que temos por diante terá mais atrancos dos desexábeis.
Xesús Veiga