Serrando árbores caídas

Moito se vai escribir estes días sobre a xa famosa comisión de investigación das caixas galegas. A súa ruína é sen dúbida unha das máis negativas novas en décadas, para unha terra despoxada de facto do seu sistema financeiro propio, coa lóxica repercusión sobre un tecido produtivo incapaz de sobrevir a esta crise.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 27/06/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

 

Non creo demasiado nestes traballos parlamentarios que nacen viciados pola evidencia dun ditame que ten que ser aprobado por unha maioría que neste momento teñen os populares. Se engadimos o evidente escurantismo na documentación achegada, ou a ausencia de persoeiros clave á hora da súa comparecencia ante a comisión, podemos afirmar, con certa tristeza asumida, que ao Sistema hai determinadas miserias que non lle interesan que saian á luz pública. Non vou a ser eu quen defenda a Gayoso e a José Luis Méndez, mais tampouco o que caia no cinismo de algúns que falan como se esta entelequia non fose con eles. Tanto un coma outro son evidentemente responsables desta desfeita, mais non son os únicos actores principais. Políticos e sindicalistas que eran membros deses consellos de administración deben deixar de esconderse nos baixos da trincheira na que se protexen do fogo cruzado, que en moitos casos trocan balas virtuais por dagas en forma de palabras nos xornais.
 
Moitos dos que agora falan ex cátedra, foron os primeiros en lamber os pés de vicerreis autoproclamados e socialmente asumidos pola maioría. Agora queren representar unha dignidade que non se corresponde coa súa actitude de vasalaxe vital. A propia Xunta de Galicia e o seu Presidente, debe dicir claramente o porque das mentiras sobre resultados de auditorías millonarias para o herario público, e a súa teima en fusionar a ruína, para probablemente gañar un tempo electoral co resultado final que todos sabemos.
 
Preocupa tamén o grado de credibilidade duns partidos da oposición con importantes débedas con esas institucións financeiras, e afogados á hora de afrontar determinados pagos. Non pode existir credibilidade cando a dependencia financeira é tan importante, á hora de “investigar”, o que probablemente xa sabes. Escoitar ao portavoz do PSdeG afirmando a independencia do Banco de España, é dunha tenrura manifesta se non fose pola indignidade resultante, mais mentres asistimos ao espectáculo mediático, a caixa quebrada seguirá pechando a billa ao empresarios e obrigando á desaparición de empresas, mentres os estafados polas preferentes e subordinadas, seguirán no limbo nos que os colocaron os mesmos que créndose por riba do ben e do mal, fixeron prácticas presuntamente criminais contra os máis confiados.
 
Ou non?

Rafael Cuiña