Un acto de xenerosidade

Achégase a celebración do día da Patria galega, e unha vez máis unha multitude de actos espallados polo país farán desa data un día festivo, mais ao mesmo tempo sintomático da división da sociedade galega.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 09/07/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Un mira con sa envexa como en Catalunya os distintos partidos políticos e colectivos de todo tipo, fan un acto cívico conxunto para celebrar a súa “Diada”, demostrando unha vez máis que a sociedade catalá pon por diante a reivindicación dos seus sinais de identidade como pobo, antes que o cotiá fulibusterismo do interese partidario. En Galicia este tipo de comportamento cívico semella impensable a día de hoxe, pois os complexos de uns e o suposto estatus autoimposto de pureza de outros, fai imposible que isto sexa unha realidade algún día. Ao mellor algúns deberían empezar a pensar que non é incompatible celebrar actos en Poio, Rianxo, Bonaval ou a fermosa praza da Quintana, como fan habitualmente, e ao mesmo tempo un acto conxunto que mostre ao mundo que Galicia é un pobo coas súas características perfectamente diferenciadas, e que sempre mira aos demais pobos irmáns en positivo.
 
Xa sei que este exercicio de voluntarismo pode ser interpretado como un “canto ao sol” ,cando vemos todos os días no Parlamento da nosa nación espectáculos máis propios de traxedia grega, que dun lugar que representa a soberanía do pobo. Eles verán se queren seguir funcionando de costas ás demandas da sociedade que din representar, mais a sociedade civil si semella estar disposta a executar condutas exemplares tan afastadas a día de hoxe no ámbito parlamentario hoxe por hoxe.
 
Polo tanto este modesto columnista pide a todos un esforzo de xenerosidade, para que aquilo que nos separa non sexa determinante ante tantas cousas que unen á sociedade galega, e sobre todo á hora de mostrar unha folla de ruta para as vindeiras xeracións que a día de hoxe por culpa de uns máis que de outros, vense obrigadas a celebrar o día da nosa Patria nunha multitude de recunchos do orbe, onde a emigración os levou, mentres aquí os mesmos de sempre teiman en discusións banais, incapaces de dar solucións a esta crise, e viven na dispersión das ideas e na marexada da ausencia da credibilidade.
 
Seguramente é que a envexa que un ten polo comportamento da sociedade catalá, fai que non entenda que mentres alá todos séntense cómodos baixo o paraugas de “Els Segadors”, aquí algúns a día de hoxe nos actos oficiais non saiban sequera a letra de “Queixumes dos Pinos”…
 
Ou non?

Rafael Cuiña