Unha sociedade exemplar

As imaxes que pouco a pouco ían chegando do tren maldito, facían que en cada recuncho de Galicia a dor fose compartida por bos e xenerosos, que ante o horror dunha traxedia como non lembramos nesta terra, pregaban por todos e cada un dos afectados como se fosen un máis das súas familias.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 26/07/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Non hai verbas para describir o orgullo que un sinte ante a reacción da sociedade galega. Un país permanentemente infravalorado por moitos pola súa condición de periférico, que deu unha lección de comportamento coral. Non me cansarei de encomiar a policías, bombeiros, enfermeiros, médicos, protección civil, e un sen fin de anónimos veciños, colaborando sen descanso para axudar a todos os afectados pola traxedia duns camiños de ferro que nunca poderán esquecer.
Sería inxusto non recoñecer que neste caso o goberno galego e os partidos da oposición estiveron á altura dunhas circunstancias, que por tráxicas, precisaban de posta en escena común e non das habituais e miserentas liortas da política con minúsculas que tanto gusta practicar a algúns por esta terra. Agora chega o momento da investigación das causas, afastándose de “cazas de bruxas” populistas e non informadas, tan propias do “macarthismo” que algúns levan na alma, e que expresan con lamentables proclamas que saen de beizos marcados polo sangue de vítimas ás que intentan utilizar.
 
Ao mesmo tempo non sería eu mesmo se non criticase con dureza algunhas portadas de xornais nas que o morbo, presuntamente disfrazado de  crúa realidade, reflectían que para algúns todo vale, provocando a indignación dunha sociedade que pretende estar informada con rigor, mais tamén con sensibilidade cara persoas para as que nunca volverá a ser o mesmo as súas vidas, despois dese holocausto de sentimentos que quedaron na curva maldita. Por non citar a rumoroloxía de primeira hora sobre posibles orixes da catástrofe das que de xeito precipitado, cando non irresponsable, fixémonos partícipes algúns particulares e medios de comunicación inducidos por informacións cruzadas, e quen sabe se malintencionadas dos que gozan coa linguaxe guerracivilista.
 
O bo é que ante tanta miseria, o pobo vai sempre por diante, e outorga aos que non as queren entender, leccións maxistrais de cómo deben ser as cousas, e deixa ver que en días como os da traxedia os servizos públicos funcionan de xeito exemplar, e que son sempre fundamentais como supoño haberán tomado boa nota os que so lembran a Santa Bárbara cando trona…
 
Ou non?

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.