Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 04/02/2021
Se nos vindeiros meses ou anos, a entidade herdeira das Caixas de Aforro galegas ficase subsumida noutro conglomerado financeiro atrévome a postular que non sería tanto pola existencia de graves problemas estruturais que requirisen semellante estratexia senón polo atractivo que representa -para as empresas competidoras- a cota de mercado que posúe ABANCA no territorio galego. Polo demais, é ben sabido que, nos procesos de absorción, o mantemento da cultura organizacional vinculada ao capital humano existente resulta subordinada ao cálculo dos beneficios resultantes da operación planeada. Xa que logo, de ocorrer tal hipótese estariamos ante o epílogo descarnado da historia que comezou coa fusión de Caixagalicia e Caixanova, seguiu coa bancarización do que foi NovaCaixaGalicia e a posterior venta -por parte do FROB- de Novagalicia Banco ao grupo venezolano Banesco.
Coa melancolía que suscita a práctica dos contrafactuais históricos, poderiamos imaxinar que tería ocorrido se Novagalicia Banco sobrevivise como entidade pública controlada polo FROB. Mais alá da incidencia de factores esóxenos -sen dúbida relevantes no ámbito europeo e/ou mundial-, a especificidade desa natureza xurídica podería actuar como factor neutralizador da eventual perda da identidade territorial derivada dunha dinámica instalada en lóxicas de estrito beneficio privado.
A pesar da protección que proporciona a non presenza de ABANCA no mercado bursátil, non se pode asegurar cal sería a reacción dos seus propietarios ante unha substanciosa oferta de adquisición. En semellantes circunstancias, o actual presidente da Xunta xogaríase, certamente, unha parte relevante da súa reputación na lexislatura que ven de comezar. Despois de non ser quen de asegurar a continuidade das vellas Caixas reconvertidas en banco e de contemplar -sen reacción eficaz- a morte do Banco Pastor como referente histórico do poder financeiro galego, a desaparición do derradeiro vestixio dese poder representaría un grave e indiscutíbel fracaso político.
Xesús Veiga
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación de resultados de 2019. ABANCA - Arquivo
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting