Un comportamento intolerábel

Unha traxedia como a que vivimos o pasado 24 de Xullo en Santiago constitúe un test que serve para medir varias cousas:a capacidade solidaria do corpo social, o comportamento das persoas que sustentan co seu traballo o funcionamento dos servizos públicos e o labor dos xestores que dirixen a propia maquinaria das administracións.

Por Xesús Veiga | Compostela | 01/08/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Hai un consenso básico na conclusión de que a resposta social (encabezada polos veciños e veciñas de Angrois) foi exemplar.Tamén hai coincidencia xeralizada na avaliación da actuación impecábel protagonizada polos empregados e funcionarios participantes nos dispositivos de axuda ás vítimas do suceso.Existen mais dúbidas e controversias a respeito do papel desempeñado polas distintas autoridades políticas involucradas neste triste episodio. 
No canto de analizar polo miúdo todas as causas potenciais explicativas do accidente e as eventuais deficiencias rexistradas na execución dos protocolos de resposta para este tipo de feitos, algúns cargos e responsábeis políticos optaron pola rápida culpabilización do condutor do tren sen agardar polos resultados das propias investigacións administrativas e xudiciais.
 
O caso dos presidentes de RENFE e de ADIF foi especialmente destacado.Non só incumpriron a recomendación formulada pola ministra de Fomento (non establecer conclusións antes de rematar os trámites indagatorios establecidos) senón que seleccionaron os medios informativos concretos nos que fixeron xuízos explícitos sobre o sucedido.Se querían falar (por iniciativa particular ou seguindo instrucións dos seus superiores), por qué non acudiron ao Parlamento inmediatamente?. Velaquí un dos efectos perversos do comportamento destes persoeiros:a sede da soberanía popular é menos importante que o plató dunha televisión “amiga” como 13TV para falar dunha traxedia ferroviaria que interesa a toda a sociedade.Dando por suposta a imprescindíbel acción xudicial para depurar as presuntas responsabilidades penais e recoñecendo o lexítimo labor –por mais que nalgúns casos discutíbel- dos medios de comunicación, non é menos importante afirmar a necesaria función da institución central dun sistema democrático.Lamentabelmente, con estas prácticas que tivemos ocasión de visualizar, alimentase a perigosa idea de que a política non é útil para a cidadanía e só serve para escenificar disputas que buscan o desgaste do adversario.
 
Con independencia dos resultados das investigacións abertas ou futuras, o intolerábel desprezo polo Parlamento manifestado polos presidentes de RENFE e de ADIF merecería a súa dimisión ou o seu cese.Pola boa saúde do sistema democrático e por respecto ao sufrimento padecido por tantas persoas nestes días dramáticos.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.