Pedagoxia negativa

Non saben ou non respostan.Coma se foran abordados por unha empresa encargada de facer análises demoscópicas, Arenas, Cascos e Cospedal non quixeron confirmar ante o xuíz Ruz algunhas das informacións mais relevantes que se derivan dos papeis de Barcenas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/08/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Acudían en calidade de testemuñas e tiñan a obriga de contar a verdade.Xa veremos se os avatares da instrución xudicial provocan unha eventual imputación por falsidade nunhas declaracións que poden ser catalogadas como un insulto á intelixencia de calquera cidadán que non se refuxie na cova do sectarismo de partido.Pensar que o secretario ou secretaria xeral dunha formación política descoñece os parámetros básicos que rexen o financiamento da súa organización é tan inverosímil como acreditar na versión do ex –tesoureiro e aceitar que os millóns gardados en Suiza forman parte dos beneficios procedentes dunha eficiente xestión do seu patrimonio ordinario.E todo iso nun partido -o PP- caracterizado por unha xerarquía ben definida e aplicada sen complexos polos máximos dirixentes.Alguén pode dubidar que Aznar, Cascos, Fraga ou o mesmo Rajoy exerceron un control total sobre o aparato partidario sen compartir ou liderar a autoridade que se derivaba dos Estatutos e do propio estilo consolidado no interior desta forza política?
 
Co que xa coñecemos como feitos probados, hai materia suficiente para asumir responsabilidades políticas e promover os oportunos ceses ou dimisións das persoas directamente afectadas.Recoñecer –como fixo Rajoy- que foi un erro outorgar total confianza a Barcenas debe ter consecuencias.Alegar ignorancia sobre as prácticas contábeis do xerente/tesoureiro non é compatíbel co desempeño da secretaría xeral nun sistema que entroniza os valores democráticos como referentes substanciais do funcionamento de todas as institucións públicas.
 
A pedagoxía que emana dos comportamentos dos dirixentes do PP é profundamente negativa.Os exemplos das elites son decisivos na conformación dos estados de opinión e da propia saúde moral do corpo social.Con motivo do falecemento de Rosalía Mera coñecemos a singular circunstancia de que os seus netos –como antes a súa filla- están escolarizados na rede do ensino público.Mais alá do xuízo que mereza a indiscutíbel pertenza da empresaria galega ao minoritario círculo de persoas cuxa abondosa riqueza é o complemento necesario dos amplos niveis de empobrecemento existentes, resulta pertinente afirmar a importancia deste respaldo fáctico ao ensino público por parte de alguén que podería facer exactamente o contrario.
As actitudes de Rajoy, Cascos, Arenas ou Cospedal alimentan o desprestixio, sen matices, da política.Algo cuxas consecuencias exactas aínda non estamos en condicións de medir.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.