Oportunidades e ameazas para Besteiro

O triunfo de Gómez Besteiro nas primarias celebradas o pasado día 7 e a futura confirmación como secretario xeral do PSdG no vindeiro Congreso, abre unha nova andaina nesta organización política.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/09/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

A pesar da relevancia indiscutíbel que posúen as propostas programáticas formuladas polos partidos non é posíbel entender e avaliar a traxectoria dos mesmos sen considerar a capacidade e a credibilidade das persoas que encarnan, en cada momento, os respectivos proxectos duns e doutros.

Besteiro ofrece unha característica singular que apenas ten sido mencionada nas análises formuladas até o momento.O político lucense encabeza dende o ano 2007 un goberno de coalición  co BNG na Deputación provincial que, rematada a experiencia do bipartito na Xunta, constitúe a referencia concreta mais importante que se rexistra actualmente no ámbito da colaboración gobernamental entre socialistas e nacionalistas.Esta circunstancia representa un activo valioso de cara á conformación dunha futura alternativa plural ao executivo presidido por Feijoo.Besteiro pode exhibir o balance construtivo e non conflitivo da súa propia traxectoria presidencial para desarmar as teses de quen, dentro e fora do PSdG, pretenden establecer a inviabilidade xenética de calquera proxecto de goberno que non sexa unha mera alternancia entre populares e socialistas ou a derivación dun acordo político entre ambos.

Mais alá das dos eventuais atrancos provocados pola non presenza no Parlamento –situación que tamén padece, por certo, o actual voceiro do BNG, Xavier Vence- os tests mais relevantes para medir a consistencia do novo líder socialista estarán localizados no interior da propia organización.O desgaste social que arrastra esta histórica sigla é unha debilidade manifesta que deberá enfrontar calquera estratexia de renovación.Pero é que ademais, o PSdG mantén as vellas hipotecas derivadas do localismo desaforado dalgúns dos seus dirixentes mais influentes.Se no seu día Pérez Touriño tivo que aturar a Francisco Vázquez, Besteiro terá que vivir unha complicada cohabitación con Abel Caballero.

A partir de Abril de 2009, a dirección do PSdG deixou esmorecer os poucos sinais de identidade diferenciada xerados na década anterior.A carencia chegou a ser tan espectacular que nin sequera aportou propostas relativas á estruturación territorial do Estado no proceso preparatorio da Conferencia do PSOE que vai ter lugar neste outono.Mentres o PSC e o PSE facían distintas contribucións nese eido, a equipa de Pachi Vázquez gardaba un estrondoso silencio.Foi o certificado formal mais recente da inexistencia dun perfil propio para unha forza que representa hoxe ao 20% dos votantes dun País que ten a consideración constitucional de nacionalidade histórica.

A primeira condición para dispor da credibilidade social necesaria que permita participar no goberno dunha nación  é a capacidade para xestionar acertadamente a complexidade da propia estrutura partidaria.Se Xosé Ramón Gómez Besteiro non consigue tal obxectivo mínimo estará condenado a transitar por un camiño inzado de frustracións e fracasos.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.