O que semella unha batalla entre o nunca recoñecido nacionalismo español, e o tradicional nacionalismo catalán, non é máis que a disputa entre unha realidade a día de hoxe anacrónica como é o concepto da España que algúns queren impor dende o centralismo madrileño, e a realidade dun pobo catalán que dá mostras evidentes de querer virar o rumbo da súa Historia recente, a pesar das cadeas coas que o queren atar. Tiven a oportunidade de falar con moitos dos seus políticos de diferentes tendencias ideolóxicas, mais tamén con empresarios, hostaleiros, traballadores de calquera condición, e moita xente da rúa. Hai coincidencia, sen dúbida, á hora de opinar sobre o dereito a decidir nunha consulta do futuro da súa nación. Probablemente os constitucionalistas, ou os propios gardiáns das esencias da España “grande e libre”, boten as mans á cabeza observando as históricas mobilizacións destes días en Cataluña, mais o que algúns non desexan que aconteza, semella bater contra un muro que cada día sinala máis a separación entre a terra de Cataluña e as do resto do Estado.
Non concibo en democracia os medos a que os pobos poidan expresarse libremente sobre o vieiro da Historia cara o que queren ir, nin aturo aos falsos profetas da españolidade que proclaman que é indiferente o desexo dos cataláns, ante a necesaria unidade de España. Velaí a imposición dun modelo de Estado, no que a propia maioría no Parlament de Cataluña xa non concorda. Sorprende a cantidade de xente, -á marxe do histórico éxito da chamada “vía catalana”-, que di claramente que dous anos atrás era impensable para eles asumir a mensaxe independentista. Agora, moitos pensan que até aquí chegaron, e queren un futuro diferente para a terra dos seus pais e a dos seus fillos.
Claro que o evidente clamor do pobo catalán pode ser lexitimamente discutido dende outros ámbitos, o que pasa é que a un non lle gusta moito asumir análises feitas dende o sofá da casa, de aqueles que nin sequera teñen a decencia de querer observar in situ, a realidade das cousas.
Ou non?
Rafael Cuiña