O chamado “Debate sobre o estado da Autonomía”, é sen dúbida máis do mesmo. Atoparémonos cun Presidente da Xunta tentando vender xestión eficaz en tempos de fonda crise, a pesares da evidencia da situación límite económico-social de Galicia, e a grupos da oposición que porán dende a tribuna parlamentaria verdades incontestables, mais en probable ausencia de achegas alternativas. O Parlamento galego deixou de ser unha cámara de representación do pobo e debate necesario, para virar cara un ágora cuberta, na que os deputados deambulan como almas en pena, en busca de tempos mellores para ambicións políticas desmedidas e presuntamente pouco capacitadas.
O estado da Autonomía, -ao que moitos consideramos nazón-, é un ano máis resultante de políticas con minúsculas, e de oposicións sen proxectos alternativos minimamente cribles. O evidente vieiro cara o desmantelamento do antes coñecido como “estado do benestar” é unha realidade palpable, responsabilidade directa de gobernantes que asumen o poder baixo “contratos coa sociedade” que incumpren, e que deslexitiman toda acción que pretendan levar a cabo baixo o paraugas da suposta democracia. Na Galicia actual, as promesas aos estaleiros da pasada campaña electoral seguen sen concretarse, mentres o sector desaparece, as industrias son engulidas polo vórtice da crise, mentres os que lles pechan a billa son salvados cos cartos de todos, e o agro sufre unha crise sen precedentes, dun sector que podía ser perfectamente vangarda para saír de ela.
Claro está que calquera pode ser bo xestor a base de esixir a enfermos crónicos que “repaguen” polos seus tratamentos, mentres subimos os impostos aos de sempre a base de “céntimos sanitarios”, como se o liberalismo dos que tanto presumen de selo, quedase para grandes sentenzas dos libros de Hayek, que tanto gusta aos poucos deputados dos populares que coñecen a súa obra.
Unha nazón que non debate sobre a protección dos seus sectores públicos e a defensa numantina dos que máis sofren o que non provocaron, non pode sentirse representada polas súas institucións. Agora ben, se o que importa é un espectáculo televisivo a xeito de insultos e berros guturais, aí si, o resultados está garantido. E non é iso…
Ou non?
Rafael Cuiña