No caso madrileño, todo foi diferente. A lexislatura aínda non chegara ao seu ecuador e non existían conflitos de envergadura na coalición gobernante -PP e C’s- que xustificasen a disolución anticipada da Cámara lexislativa. Tratábase dun obsceno cálculo partidista para reforzar o poder de Díaz Ayuso, acometido no contexto dunha incidencia pandémica de especial relevancia e pasando por riba de calquera consideración sobre o nivel de risco asociado a un acontecemento coma ese. O obxectivo do PP de Madrid non era mellorar a gobernabilidade dos asuntos públicos senón neutralizar aos competidores e provocar a máxima destrución nas forzas da oposición. Xa que logo, os convocantes non querían suscitar un debate sistemático sobre a xestión realizada e os problemas -sanitarios e/ou económicos- pendentes. O manual das “boas prácticas” políticas ficaba para as facultades universitarias ou para as discusións entre especialistas. A incógnita consistía en saber se esta lóxica contaba con apoios suficientes no seo do corpo electoral.
A conclusión é contundente. O plan establecido por Ayuso e os seus asesores acadou un éxito indiscutíbel, superior ao que prognosticaban as enquisas mais favorábeis: Ciudadanos desapareceu do mapa; Vox mantivo a súa presenza pero sen capacidade práctica para condicionar ao partido gañador; o PSOE perdeu a condición de forza maioritaria da oposición en favor de Más Madrid e UP no acadou o medre significativo que pretendía (coa derivada, non prevista, do abandono de Pablo Iglesias da vida política).
Como xa ocorrera nos tres comicios anteriores, os resultados do 4 de Maio non penalizaron á principal forza do goberno autónomo. Poren, houbo algúns fenómenos diferenciais moi significativos: unha elevada participación; a presenza abafante dunha retórica caricaturesca desenvolvida por Díaz Ayuso e o apoio acadado polo PP en sectores e áreas supostamente proclives aos partidos da esquerda. As análises demoscópicas postelectorais permitirán certificar a verosimilitude dalgunhas hipóteses explicativas do sucedido: apoio de segmentos importantes do electorado ás políticas permisivas na loita contra a pandemia aínda que iso representara asumir maiores niveis de mortalidade e contaxio; ampla asunción social dos discursos identitarios formulados dende a oficina de propaganda de Ayuso (a favor da existencia dun específico “modo de vida” madrileño; postulando a naturalización dun nacionalismo español negador da plurinacionalidade); incidencia do papel da dereita mediática na consolidación do marco narrativo finalmente gañador...
Se pousamos a vista na política galega, cabe considerar que o espectacular triunfo de Ayuso arruína as expectativas previamente construídas arredor dunha futura substitución de Casado por Feijóo. Agora mesmo, o presidente galego carece de opcións ante a emerxencia da nova lideresa madrileña. Talvez teña tempo para pensar se quere competir por un novo mandato en San Caetano, encabezando un PPdG mais autonomizado a respecto das mensaxes tóxicas que se emiten dende as sedes centrais do aparello estatal do seu partido.
Xesús Veiga