Ceferino

Pasou case un ano dende a desaparición física de Ceferino Díaz. A concesión, a título póstumo, da Medalla de Ouro de Galiza é unha merecida lembranza institucional que pode contribuír ao medre do coñecemento público da historia da transición política vivida na segunda metade da década dos setenta do pasado século.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/11/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Coñecín a Cefe, precisamente, naquel momento. Eramos oriúndos de concellos limítrofes (O Saviñao e Pantón) mais foi Santiago o punto de encontro, tanto no eido académico coma no político. Formabamos parte de dous partidos diferentes (PSG e MCG) pero non tan distantes naqueles anos previos á primeira cita coas urnas. De feito, fun dos que votaron ao partido liderado por Xosé Manuel Beiras o 15 de Xuño de 1977. Compartimos, pois, o amargo sabor da derrota mais non renunciamos a seguir traballando na esfera da política aínda que fose dende organizacións situadas en territorios mais afastados que no pasado.
 
Coincidín durante case tres lexislaturas na oposición aos gobernos de Fraga dende os escanos do Hórreo. Mais alá das lóxicas diverxencias derivadas da respectiva militancia no PSdG e no BNG, tiñamos a común convicción de que era necesario e posíbel construír unha alternativa á hexemonía política do PP. Ceferino era dos que cría firmemente na viabilidade do entendemento entre socialistas e nacionalistas e teño constancia expresa de que, no ano 2005, formulou propostas concretas para reforzar e mellorar a coalición de goberno, propostas que lamentabelmente non foron estimadas por quen debería facelo.
 
Cando regresou á vida universitaria no ano 2011 fixo unha demostración práctica da súa categoría moral: ante a pretensión inicial da equipa reitoral de rescindir diversos contratos de profesores asociados, non dubidou en adquirir un explícito e singular compromiso na defensa da continuidade laboral das persoas afectadas a pesar de que el podía disfrutar dunha xubilación anticipada por mor da súa grave doenza física.
 
Ceferino era así. Unha persoa solidaria que non tiraba a toalla ante as dificultades. As siglas e as ideas son importantes pero non todas as persoas son capaces de xerar a credibilidade suficiente para que a sociedade acredite nas propostas transformadoras. Cefe formaba parte dese capital humano que tanto necesitamos.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.