Unha historia de cans e esteleiros

A crise do naval en Galicia, semella un mal endémico xa na nosa sociedade, na que xestores e políticos non acaban de dar coa tecla necesaria para a reactivación dun sector estratéxico desta terra, e das súas comarcas.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 03/12/2013

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
A historia recente deste problema está repleta de capítulos escuros, medias verdades e mentiras evidentes. A promesa dos chamados “floteis” para Navantia, segue no limbo dos incumprimentos, no que algúns poden ter que chegar a asumir responsabilidades políticas por non facerse efectivos, mentres outros miserables semellan alegrarse por pensar en sacar un bastardo interese político. Nin aturo aos representantes públicos que basean o seu éxito en mentiras inconfesables, nin aos políticos que simplemente viven detrás dunha necesaria pancarta reivindicativa, sen achegar solucións alternativas.
 
Pasou máis dun ano da campaña das autonómicas, e a situación de Navantia é un esperpento dificilmente superable. Sen carga de traballo e cuns xestores evidentemente incapaces, condenan aos seus traballadores e á comarca de Ferrolterra, a tempos extremadamente difíciles nos que os políticos unha vez máis non están á altura. As declaracións,- presuntamente mal interpretadas- do ministro Soria ao respecto dos encargos de Pemex a Navantia, e a propia compra da maioría do accionariado do estaleiro Barreras por parte da empresa mexicana, fan que a situación dos estaleiros do Norte sexa especialmente desesperada. Sen dique flotante nin barcos que construír, bótanse de menos alternativas para unha comarca historicamente combativa, condenada por ineptos e gobernada por políticos que enchen o peito no momento de gañar unhas eleccións, e desaparecen cando hai que baixar á area. Que unha empresa española como “Gas Natural” teña intención de contratar en estaleiros coreanos, é moi sintomático do estado das cousas. Ninguén pode crer xa que Pemex vai contratar nun estaleiro que está a 200 km de outro que xa é da súa propiedade.
 
Agora, xa coa auga ao pescozo, 200 cargos do Partido Popular, co evidente consentimento do responsable máximo do seu partido en Galicia, preséntanse en Madrid, ao modo da “marcha do millón de homes” de Luther King, mais ao modo ferrolán, para reivindicar aos seus propios compañeiros de partido, carga de traballo para os estaleiros das promesas incumpridas. Xa sabemos o dito de que “can non come can”, co que a credibilidade da protesta é cando menos discutible; iso si, mediaticamente pode ter a repercusión que lle poden dar os habituais enmascararadores da realidade. Claro que falamos do PP, e alí, como en aquela vella canción dos AC/DC, os cans si que comen cans…
 
Ou non…

Rafael Cuiña