Non semellan existir dúbidas a respeito da liña estratéxica establecida pola dirección do PP:reforzar o apoio dos sectores mais reaccionarios do seu electorado.
Dende hai tempo, é un lugar común afirmar que a inexistencia dunha formación política de extrema dereita ten a súa explicación na incorporación da grande maioría deses segmentos ao propio corpo electoral e organizativo do partido actualmente presidido por Mariano Rajoy.
Ademais, os demoledores efectos que provoca o devalo económico e a indiscutíbel crise de lexitimación que padecen as organizacións políticas –sobre todo as maioritarias- crean unhas condicións favorábeis para o nacemento dunha opción populista que recolla o malestar existente en moitos votantes e ofreza solucións simplistas presuntamente superadoras do sistema democrático establecido.Grecia, Italia e a mesma Franza proporcionan exemplos que, mais alá dos importantes matices diferenciais de cada caso, ilustran sobre a verosimilitude dunha hipótese desa natureza.
Curiosamente, este xiro adoptado pola dirección do PP coincide, no tempo, coa ratificación do novo goberno de coalición de Merkel co SPD. Aparentemente, Rajoy podería utilizar tal circunstancia para defender unha fórmula análoga co PSOE sobre a base das coincidencias básicas que suscita o programa de axuste emanado da “troika”. Rubalcaba tería dificultades para explicar por qué rexeita aquí o que non critica en Berlín.A involución pretendida na regulación do aborto e os contundentes propósitos represivos sobre as protestas sociais fan imposíbel calquera pacto entre as dúas forzas políticas e coloca ao Partido Socialista ante a oportunidade de recuperar unha parte significativa do prestixio perdido nestes últimos anos, sempre e cando sexa quen de xestionar acertadamente os conflitos internos que padece.
As sondaxes mais recentes permiten constatar que o plan do PP sobre o aborto provoca mais custes que beneficios na opinión da cidadanía.Polo que se ve, non merecen credibilidade as invocacións retóricas á ética e aos principios morais que exhiben uns dirixentes políticos que carecen deses atributos cando xestionan a desfeita económica e asisten sen compasión ao empobrecemento de milleiros de persoas, marxinadas pola lóxica darwinista que abandeiran os poderes fácticos que controlan os mercados.
Se os que manexan a calculadora electoral comproban que non saen as contas porque a recuperación económica é un espellismo e as leis de Gallardón e Fernández non aseguran os réditos desexados, daquela tratarán de aplicar unha solución “marxista” para saír do labirinto:se non lles gustan estes principios, temos outros.
Xesús Veiga