Seguir aplicando o criterio de que só se debe abandonar a vida política institucional se existe unha sentenza xudicial firme é un absoluto despropósito que desconsidera a gravidade da desconfianza que ten medrado no seo da sociedade a respeito do exercicio da función política.Calquera perspectiva que postule un proceso de rexeneración democrática esixe, neste momento, unha exemplaridade máxima por parte dos dirixentes e cargos das organizacións partidarias.Aínda que, finalmente, algúns dos implicados non resultasen condenados no trámite xudicial, sería moito mais produtivo para a saúde do sistema democrático a limpeza total das sospeitas que hoxe pesan sobre determinadas alcaldías e concellerías.
Para algúns analistas, a relevancia desta operación é reducida debido á pouca dimensión dos recursos monetarios presuntamente manexados para corromper a vontade dos cargos representativos que figuran no sumario.Aceitar este argumento é tanto como establecer unha medición cuantitativa da ética que debe rexer no exercicio da función representativa.Onde está a fronteira do permisíbel?E quen establece semellante liña divisoria?
O que hoxe precisa a vida política é unha pedagoxía contundente dos actores que ocupan o escenario.Sobran as apelacións retóricas á presunción de inocencia derivadas da patolóxica tendencia á xudicialización de todo o que sucede nas Administracións públicas.Os partidos están emprazados, con urxencia, a recuperar, con mais feitos que palabras, a confianza e o crédito perdidos nos últimos anos.No caso da Pokemon, só o BNG estivo á altura das circunstancias coa dimisión inmediata do único concelleiro afectado polas indagacións xudiciais.No caso do PP e do PSdG, as decisións adoptadas (basicamente, agardar ás sentenzas futuras) alimentan a espiral da desconfianza cidadá.E, ademais, actúan cunha incongruencia notábel.En Lugo e Ourense os dirixentes populares pediron as dimisións que non practicaron en Santiago.Nesta cidade, ao mesmo tempo, os voceiros socialistas denuncian a gravidade que representa para a gobernanza da cidade a imputación do seu alcalde mentres en Lugo semellan convivir sen problemas cunha situación análoga.E o que xa resulta directamente surrealista é a dupla vara de medir que practica Núñez Feijoo no seu propio partido:Conde Roa e Gacio tiveron que dimitir pero Currás debe seguir no cargo.E cando hai unha sentenza que afecta á conselleira de Sanidade, non se cumpre a norma previamente invocada –responsabilidades políticas só se hai sentenzas condenatorias- porque o presidente da Xunta decide arbitraria e discrecionalmente que non procede facelo.
Estamos a quince meses das eleccións municipais.Atreveranse a formar parte das candidaturas aquelas persoas que protagonizan as lamentábeis peripecias da operación Pokemon?Cal será o comportamento dos votantes ante este penoso espectáculo?As respostas serán decisivas para avaliar o nivel de calidade da democracia realmente existente.
Xesús Veiga