Fago esta personalista introdución, para que vostedes entendan que determinadas posturas na vida non saen de balde, mais son moitas as persoas dispostas a asumir as consecuencias. O nacionalismo molesta, -a non ser que sexa o hespañol-, e pensar libremente atenta contra os principios básicos de aquela máxima de Millán-Astray, “muera la inteligencia”, que dende o poder temporal coruñés, considérase referencia vital.
O nacionalismo e o galeguismo, viven momentos particularmente preocupantes e altamente destrutivos. Tiven a ocasión de participar nas conversas para conformar unha candidatura galega ás eleccións europeas, nas que o fracaso final so pode responder á falla de vontade de actores principais máis preocupados por marcar o seu territorio, que de ofrecer aos galegos unha posibilidade directa de representación en Bruxelas, que saia das urnas desta terra nun contexto de circunscrición única no Estado hespañol. Non puido ser, mais o nivel de relacións pode ser considerado bo cara futuras posibilidades e citas electorais. Laiarse é absurdo, e equivocar o inimigo, politicamente tráxico. Ver nos foros e nas redes sociais un sub mundo de persoas atacándose entre elas non é máis que dar munición a aqueles que consideran que Hespaña é unha nación indivisible, e que o autogoberno é un cancro a extirpar.
Poden gustarme máis ou menos determinados comportamentos de formacións nacionalistas, mais teño claro que a peza política a abater está noutros lares e noutras concepcións cara a nazón galega. Nin están naqueles que libremente apoian ao BNG, nin aos que pretenden un rumbo ou outro para o proxecto de AGE, e máis concretamente de ANOVA. As bases de Compromiso por Galicia decidiron por ampla maioría ir na coalición que lidera o Partido Nacionalista Vasco. A decisión foi pensada coa madurez e responsabilidade suficientes de saber que esta reedición con matices de Galeuscat, ten os seus riscos, mais garante que en Europa a voz dos galegos poida estar perfectamente representada. Efectivamente hai socios cos que podes ter máis filias, e outros que tes que asumir polos condicionantes do momento, mais o importante ao final é que a socialdemocracia galeguista será referente nunha candidatura nacionalista con serias opcións de traballar polos galegos, tras as oportunas negociacións destes días co partido tradicionalmente líder de Euskadi, co cal a sintonía dentro da nosa modestia, é total.
Nunca considerarei un obxectivo atacable a alianza entre o BNG e Bildu. Debates interesados e superficiais sobre esta formación vasca e a súa relación coa loita armada, son propios de necios, cando a evidencia do traballo de persoas como Jon Iñarritu, o único que demostran é que se buscan solucións para tantos anos de dor en Euskadi. Verán vostedes en campaña furibundos ataques ao BNG con esta cuestión, de miserables con informes demoscópicos enriba da mesa, que sinalarán que ese é o vieiro estratéxico a seguir. Anova, pola súa banda, a decisión que tome so agardo que sexa realmente de “abaixo a arriba”, e que a ilusión que xerou a miles de galegos, non sexa agora frustración por enlamarse en batallas personalistas.
Polo tanto, e unha vez máis dentro do nacionalismo e o galeguismo, temos a oportunidade de demostrar que os que consideramos nazón a esta terra, estamos no grado de madurez necesario para liderala cara o futuro, ou polo contrario, deixamos ver as vergoñas dos enfrontamentos tribais, que tanto gustan observar os destrutores desta terra.
Ou non?
Rafael Cuiña