Mais alá de que o deficiente estado administrativo no que se atopaba o censo electoral fose unha das causas explicativas da cativa participación rexistrada, o sorprendente triunfo de AP foi considerado, posteriormente, como un fenómeno demostrativo de que, nalgunhas ocasións, o comportamento electoral dalgúns sectores da sociedade galega anticipou fenómenos que aparecerían mais tarde na política estatal. O espectacular derrubo da UCD neses comicios de 1981 tivo a súa continuidade na desfeita ocorrida un ano despois, cando Felipe González chegou á Moncloa e Fraga ocupou o posto de líder da oposición. Moi posteriormente, na segunda década deste século, a aparición de AGE nas eleccións galegas de 2012 foi vista como un preludio dos éxitos electorais de Podemos nos anos 2015 e 2016.
A cativa presenza acadada polo nacionalismo galego certificou unha debilidade que xa se amosara nas eleccións xerais de 1977 e 1979, cando non fora quen de obter representación no Congreso e no Senado. O pouco peso das formacións nacionalistas nas institucións representativas que comezaban a funcionar reduciu a súa capacidade de incidencia en cuestións tan relevantes como a elaboración do Estatuto de Autonomía e o funcionamento do propio autogoberno. A expulsión dos tres deputados do Bloque-PSG por mor dunha dogmática e intolerante interpretación da norma que esixía o acatamento dos textos constitucional e estatutario minorou, aínda mais, a posibilidade de influenza desta corrente política.
O nacionalismo galego tivo que agardar a 1993 (13 escanos na Cámara do Hórreo) e 1996 (2 deputados no Congreso) para ter unha presenza cualitativamente significativa aínda que nitidamente inferior á que se viña constatando no Pais Vasco e Cataluña. O éxito de Coalición Galega nos comicios autonómicos de 1985 (11 parlamentarios) non tivo a continuidade agardada e definiu unha das singularidades mais destacadas do mapa político galego: a carencia dunha forza galeguista homologábel -con todas as distancias derivadas do distinto contexto histórico- ao que eran o PNV e CiU nos seus respectivos ámbitos de referencia.
A febleza electoral do nacionalismo galego nos primeiros anos da andaina do autogoberno tivo que ver, sen dúbida, co estado de opinión existente entre amplos sectores sociais pouco favorábeis a outorgar a confianza que lle demandaban dende as organizacións que acudían ás urnas. Mais tamén cabe falar da existencia de erros e carencias que cortocircuitaban as posibilidades de apoio: excesiva confrontación cainita entre as distintas formacións, confusión entre os desexos de cambio e a conciencia sobre as limitacións que impuña a realidade existente, indebido refuxio sectario nas propias conviccións para enfrontar a minorización que se constataba nas sucesivas consultas electorais...
Xesús Veiga