Nacionalismo ególatra

Hai días nos que un pensa que na política, como na vida mesma, enfróntaste a diario a demasiadas rochas durante demasiado tempo, no vieiro cara o que estás convencido que debe ir o futuro da túa terra.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 19/03/2014

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

A verdade é que o panorama polo que atravesa o nacionalismo galego, é por unha banda desalentador, e por outra preocupante.  A incapacidade para chegar a acordos entre as tres forzas nacionalistas galegas, é produto dunha manifesta egolatría, tan impregnada na pel, que é improbable eliminala, mentres esta non mude.

Son consciente que veño dun mundo político no que as traizóns estaban á orde do día, e que a peza a abater era prioritariamente o compañeiro de partido. No mundo nacionalista estes días observo algo moi semellante, que segundo me comentan algúns dos máis vellos na trincheira da defensa da identidade nacional desta terra, non é precisamente unha novidade. A miseria humana que denota ver ataques cruzados de nacionalistas, para recoller as faragullas a modo de votos de outras organizacións, esixe un cambio de modelo, e probablemente de dirixentes, para que o nacionalismo algunha vez teña posibilidades reais de ser decisivo no goberno desta terra.
Os continuos ataques de Xosé Manuel Beiras ao BNG, cunha linguaxe esaxerada nas formas e intencionada no contido, expresan até que punto algúns antepoñen os seus intereses electorais partidarios, antes que o combate contra o inimigo común, que non é outro que as políticas que uns poucos fixeron levar á miseria a moitos. ANOVA ten todo o dereito a apostar pola coalición cunha forza hespañola como Izquierda Unida, e a presentar ese proxecto á sociedade para que o merque. O que si non pode actuar é como unha especie de fondo voitre, para intentar acabar cunha formación como o Bloque Nacionalista Galego, que con todo o que me poida separar deles, leva décadas loitando polos dereitos deste país, cun coraxe socialmente non sempre ben entendido. Mentres o Partido Popular aproveita a conxuntura e pon de manifesto a evidente división de uns, e as alianzas dos outros. Os ataques do argumentario do PP, lidos por Paula Prado –patriota galega-, e escritos presuntamente pola coalición Sánchez-De la Mata, contra o pacto do BNG con BILDU, asociando con ETA a estas formacións, indican que esta evidente mentira será un dos puntos fortes na campaña das europeas, por parte dos que tantas vergoñas a modo de corrupción teñen que tapar.

Pola súa banda as bases de Compromiso por Galicia decidiron un pacto cos partidos de goberno de Euskadi e Catalunya, ante o observado nunhas negociacións, a modo de perda de tempo, tanto con ANOVA como co BNG, nas que un saía coa impresión de que o único obxectivo era deixar en evidencia ao outro. Nós propuxemos unha alianza nacionalista para a cita europea, dende a nosa actual modestia, o que pasa é que a realidade dos obxectivos bastardos, unha vez máis se impuxo.

Son da opinión de que neste país non cambiarán as cousas mentres non se poida meter cuña no electorado do PSdeG e do Partido Popular, e iso so se pode facer dente teses galeguistas, socialdemócratas e progresistas. Mentres se estea a competir pola mesma bolsa de votos nacionalistas, faremos un favor aqueles que utilizan os poderes fácticos e os seus medios tradicionais, para alentar batallas innecesarias, entre irmáis.

Ou non?

Rafael Cuiña



Rafael Cuiña Aparicio

Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.