A seguridade exhibida polo máximo dirixente do PPdG na proclamación do apoio aos cargos públicos composteláns, contrasta co silencio gardado a respeito dalgunhas cuestións básicas:por qué non cumpriu o compromiso anunciado previamente de que non permitiría a permanencia nos seus postos daquelas persoas que, ademais de imputadas, tivesen sinalada a data da vista oral do xuízo?E por qué forzou a dimisión, hai meses, de dous deputados do Parlamento galego pola súa imputación xudicial e agora non aplica a mesma vara de medir?Considera serio e solvente un código ético que coloca nas mans do presidente do partido semellante nivel de discrecionalidade na súa aplicación?
Postos a buscar respostas, resultaría pertinente coñecer a identidade dos “brillantes cerebros” que promoveron a iniciativa de traspasar á facenda municipal o custe económico da defensa do concelleiro Adrián Varela, imputado na operación Pokemon.Coa experiencia contrastada que posúe o PP na utilización de “sobres” partidarios para financiar gastos dos seus dirixentes, por qué non utilizaron ese mecanismo con este concelleiro?Debe ser tan elevada a prepotencia ou a sensación de impunidade que non dubidaron en tomar un camiño que calquera especialista en dereito administrativo sabe que só se pode adoptar se concorren unhas circunstancias específicas que non se rexistraban neste caso.
Feijoo, coa súa decisión de admitir a imaxe da maioría do goberno de Santiago sentada no banco dos acusados a seis días da cita electoral do 25 de Maio, traslada unha grave responsabilidade aos eventuais votantes do PP confiando en que emitan unha sentenza absolutoria nas urnas aínda que sexa ao prezo de violentar as conviccións éticas que podan ter.Ao mesmo tempo, o presidente da Xunta asume unha complicidade explícita cos acusados e fica, xa que logo, afectado por unha posíbel sentenza condenatoria por prevaricación.Qué fará nese caso?Asumirá persoalmente responsabilidades políticas pola confianza previamente outorgada?
Xesús Veiga