Afirmo eu, logo da masacre virá a negociación entre xentes que se coñecen, e así rematará a pelexa entre Ucraína e Rusia.
Na primeira fase xa houbo negociación entre a representación das partes. Enriba da mesa, hoxe comprendemos, que as partes só puxeron as cuestións tácticas para ben xustificar ou defenderse dás ameazas de guerra.
Na segunda fase, a que está acontecendo, calqueira persoa que vaia a darlle unha volta aos feitos, podería descifrar a estratexia e a maior parte dos obxectivos de Rusia e consecuentemente da negación de Ucraína, a non aceptar tal imposición e chantaxe.
A guerra ademais dunha matanza entre descoñecidos é unha necesidade dos invasores e dos que se defenden para ter a mellor posición diante da nova fase, que con seguridade mais cedo que tarde chegará, a da nova negociación e o remate da confrontación.
Si, a terceira fase, será a da mesa negociadora para o acordo na que ademais das representacións de Ucraína e Rusia haberá outros convidados con interese no conflito e que fai ben tempo que son vellos coñecidos.
En fin, no texto final, a diplomacia será quen de facer unha boa escrita para a signatura, na que ámbalas dúas partes terán que sacrificar as posición máximas, en beneficio dos demais convidados que farán presión , en segredo, para poñer remate a guerra.
E antes do "colorin colorado" , toda unha serie de anuncios de retirada ou suspensión de normas e decretos pola banda das economías dos países afectados e que foron tomando posición ben por uns ou outros, iremos achegando a unha nova normalidade, poño este cualificativo, porque será diferente.
O fodido das guerras e que independentemente da reconstrución, o regreso da xente a súa patria, e dos que quedan polo camiño, a xente do común en todo o mundo, perderemos para sempre.
***********
Non temos amaño
A guerra cando a síntes preto de ti,
en xente cun modelo de vida
con semellantes cousas e vivires,
a esperanza fuxe dos nosos corazóns
e a poesía tanto é unha corrente de auga que amansa no cano dun muíño sen moenda coma fuxe cara abaixo, empurrada pola forza dos desequilibrios, ainda qué, de cando en vez aparezan os medos e a confusion nos xiros en espiral dos remuíños nunha pequena parte da totalidade.
Gosto de escribilo sen a gravidade
da crueldade e da tolemia causada ao non comprender os asubíos dos paxaros que agora falan en ucraíno e antes o fixeron noutros idiomas nesa partitura caseque infinita
das músicas universais.
A rareza desta guerra non é
a invasión e a imposición dunha das partes porqué isto é case sempre repetitivo. A prioridade no poema, deberamos atopala, na necesidade que ten a humanidade dá tranquilidade e dunha vida digna para que sempre precisaremos de sentimentos con roupas tecidas en algodón e seda, bordadas con fío de terras soberanas e liberdades individualizadas. Xa abonda de subterfuxios.
As guerras, todas elas, teñen moita mixtura pois conviven nelas a competición por matar co relato da maldade do contrario, tan lonxe do racional coma da verdade. A pouco que miremos no espello da razón e interroguemos ás estrelas do azul celeste chegaremos a conclusion que, os gañadores seran os de sempre.
A traxedia que está vivindo o pobo ucraniano é unha demostración de que
o clímax bélico non é mais que unha coartada para tratar de xustificar a perda de vidas, a destrucción e a confirmación da irracionalidade do ser human. Un clásico na dramática moderna na que por moito que o queiramos negar, non temos amaño.
Fermín Paz