Rexeneración

Vive Galicia infestada de corrupción, como se no país dos mil ríos as augas baixasen dende os acuíferos virxes e cristalinos, até os pozos negros da política actual.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 01/07/2014

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Sempre comento que a situación da caste política (levo dez anos escribindo o termo “caste”, aínda que agora estea de moda) é absoluta responsabilidade de aqueles cidadáns que co seu voto permiten a reiteración de condutas mafiosas, que enchen os petos da miseria do suborno. Chegou o momento de que a cidadanía valore en que clase de sociedade quere educar aos seus fillos; pode facelo nun entorno de podremia no que as contratas municipais son en moitos casos focos de financiamento irregular de partidos políticos e de ególatras na busca de maior poder adquisitivo, ou facelo nunha sociedade que considere prescindibles a eses que rouban dende as institucións, teoricamente representando ao pobo.
 
Estou farto de discutir en debates radiofónicos, ou en faladoiros televisivos, sobre a necesidade exemplarizante da política. Sego sen entender como é posible que os partidos políticos poden aceptar nas súas listas políticos imputados, conciencias viciadas, ou miserias existenciais na busca dun sustento económico incapaces de alcanzar na vida privada. A política galega actual precisa dunha fonda rexeneración para poder volver á unha situación de credibilidade que abandonou hai demasiado tempo. Agora os mediocres enchen parlamentos, mentres os cidadáns observan con parsimonia inducida, como no momento no que deberíamos ter mellores liderados, atopámonos nas cúpulas con coleccionistas de vontades alleas e recadadores de almas escuras.
 
Nas conversas de tabernas, nos faladoiros de expertos autoproclamados, e nas saídas de misa das 12, todos falamos da necesidade de aquilo que por comodidade non imos facer, mentres nos despachos enmoquetados os imputados rinse da xustiza, e agóchanse como seres servís tras as cadeiras de poder que os protexen. Mentres non cortemos os tentáculos dos incapaces, e baleiremos de contido a política dos mediocres, esta sociedade seguirá nunha longa noite de pedra, na que a cidadanía, que é a que ten a potestade de prender os candís, é absolutamente corresponsable. Isto so será posible dende a aposta por unha nova xeración de políticos propositivos, de mentes comprometidas e de cidadáns decididos, porque mentres isto siga igual, as vacas seguirán pacendo no prado infestado, mentres nas cortes, os cochos retozarán felices, até que alguén decida democraticamente que xa chegou o seu San Martiño.
 
Ou non?

Rafael Cuiña