Cal é a diferenza pois, entre unha discusión e un debate? Debater é un exercicio, no que se comparten ou non, ideas arredor dunha problemática. A diferenza atopámola en que no debate a característica diferenciada de seu, é, a exposición do que cada quen matina de maneira organizada e argumentada. Dando isto por certo, cada dia entendo menos o que é debater. Por suposto, supón algo mais que falar. Na medida que vai pasando o tempo, atopámonos con mais falabarato por metro cadrado. O de falar por falar está de moda.
Hoxe @s pico de ouro e @s sen sentido, teñen os liderados nos faladoiros. Aínda que o mais chamativo é, que non teña ningunha relación coas súas vidas ou coa súa praxes. Na realidade, supón o trunfo d@s mestres da labia baleira e sen contido é a confusión intencionada destes dous conceptos. As feiras van a menos e as persoas que esbardallan a mais, aínda así, non deixa de sorprenderme como á demagoxia de sempre, hoxe, chámanlle populismo.
Teño dereito como persoa, só ou en compaña doutr@s, a expresarme en liberdade, mesmo a organizarme e tratar de facer valer as ideas que teñamos en oposición a outr@s que non pensan do mesmo xeito, e que tamén teñen o mesmo dereito. As limitacións para este asunto en democracia deberían ser case que inexistentes. Mais a realidade é ben distinta.
Hoxe só falan de consenso como fórmula máxica para saír das encrucilladas nas que nos foron metendo. O mesmo Rousseau xa propuxo hai ben tempo, a idea da vontade xeral, como filosofía política na que tod@s deberamos poñermos de acordo nunha solución. Mais isto, no mellor dos casos, só é un desexo de identificación entre gobernantes e gobernados que poucas das veces é posíbel pola complexidade dos asuntos, os antagonismos no ideario político e o necesario pluralismo como cerne dunha democracia.
Ogallá fose posible debater algúns dos asuntos conxelados nas dinámicas tanto nas organizacións, como nos Estados ou no plano internacional. Aínda así, quero facelo sobre algúns deles que, considero necesarios nos tres planos citados con anterioridade sabendo que só a temática proposta, pode ser adxectivada como populista. A proposta que fago é a seguinte:
Primeiro.-A crise na que atopamos hoxe podería caracterizarse por unha sucesión indefinida de desequilibrios que non chegan a controlarse cos mecanismos que, actualmente, manexa o sistema . A globalización é unha estafa.
Segundo. - O paradoxo dun sindicalismo institucionalizado cuxa práctica resulta en contra e a costa da clase traballadora.
Terceiro.- Se non pode defenderse o Estado Español como plurinacional, conforme co disposto na súa Constitución (Artigo 2) sen ser considerado como un acto de traizón, como pode avanzar o nacionalismo galego cara a seu obxectivo dunha Patria Galega Ceibe?
Así,con esta esta configuración quero fixar as cuestións que propoño debater e nos seguintes tres artigos quero expor os meus argumentos e conclusións sobre destes asuntos.
Fermín Paz