A globalización é un feito indiscutible. O que compre, é facer unha análise desta realidade e antes de calquera outra cousa facer unha precisión do termo. Para achegármonos o significado da verba globalización, deberíamos acreditar si é un concepto ou unha definición, xa que son cousas diferentes. No primeiro caso, estaríamos diante dunha representación mental que se fai de algo para comprendelo, namentres que no segundo, sería unha descrición clara e precisa do significado e das características que contén.
Quen acredita na globalización como concepto é porque esa posición, permite xogar retoricamente coas súas vantaxes e desvantaxes, co bo e o malo. Pola contra, quen fala da súa realidade ten que fundamentar o que agacha no seu interior e as consecuencias da súa aplicación.
Para comezar decidin coller dous exemplos sobre a valoración que fan algúns organismos internacionais como mostra de inxenuidade ou da hipocrisía para que vexamos as posibilidades que tivo e segue a ter a globalización para facer o que fixo. Por unha banda unha cita do exsecretario xeral da Onu(Kofi Annan), “para que a globalización sexa positiva, ten que selo para pobres e ricos por igual. Ten que achegar o mesmo grao de dereitos que de riquezas. Ten que fornecer o mesmo grao de xustiza e equidade social que de prosperidade económica e de boas comunicacións. Pola outra , o documento titulado “Por unha globalización xusta . O papel da OIT” no que se dí : “que o desafío ao que se enfrontan os mandantes da OIT consiste en modernizar a maneira na que traballan para que o tripartismo poida seguir o ritmo dos cambios orixinados pola globalización e reforzar ao mesmo tempo a súa capacidade para contribuír a trazar un camiño cara a unha globalización máis xusta. Nos dous condicionase o xuízo do fenómeno a dúas premisas: a positividade das súas accións e que ten que ser mais xusta. Unha suxestión a estas dúas organizacións internacionais , déixense de parvadas e digan a verdade do que está acontecendo.
Para min, a globalización é un conxunto de mecanismos misturados entre si, de carácter mundial ou internacional para a consecución de obxectivos, culturais, económicos e políticos, e que permite, unha transculturización e unha conexión comercial e de produción grazas a eclosión das novas tecnoloxías, da comunicación e do transporte.
Un bo ensaio sobre a globalización é o feito no libro escrito por John Saxe-Fernández e James Petras, coa participación de Omar Núñez Rodríguez e de Henry Veltmeyer (Globalización, imperialismo e clase social, Editorial Lumen, Bos Aires/México, 2001), onde fan unha crítica renovada da razón neoliberal e da expansión do capital nas derradeiras décadas. En nove capítulos, a obra analiza enerxicamente os principais problemas que se tecen en torno ao chamado proceso de globalización.Os autores non se deixan impresionar polos tópicos da ideoloxía globalizadora nin foxen do debate frontal e dás súas mistificacións.
A chamada globalización non ten patente da exclusividade xa que, en realidade, é un proxecto político claramente deseñado desde os poderes económicos e políticos internacionais, para apoderarse da riqueza e impoñer as súas políticas, chegando a manexar os Estados-nación. Pormenorizando,os seus obxectivos son: someter a clase traballadora restrinxindo os seus dereitos e precarizando o emprego, impoñer rixidos “axustes estruturais” que favorecen as multinacionais, sobreexplotar os recursos naturais, beneficiarse dos “rescates” de empresas privadas á conta dos recursos públicos , apropiarse da riqueza social ( vía privatización das empresas publicas, entre outras) , manter custe o que custe o modelo económico que está a intervir como unha terríbel maquinaria produtora de pobres e miseria. Abonda con mirar como se van desmontando pouco a pouco os sistemas públicos do ensino, a saúde , o sistema público de pensións. etc... Outra das súas características é a dimensión planetaria dos grandes fluxos de persoas, mercadorías, e prioritariamente, unha información permanentemente manexada, no seo dun mundo cada vez máis urbanizado e hiperconectado e que,paradoxalmente, conta tamén con moito territorio e xentes no abandono total. A globalización afecta á transformación dos ecosistemas e, polo tanto, a dinámica e o alcance dos brotes epidémicos que afectan a todos os seres vivos
A miña conclusión é a seguinte: a globalización é unha estafa mundial cunha base é fundamento no conxunto de sistemas que terman dela e son xestionados por gángsteres económicos e por profesionais xenerosamente pagados que rouban “legalmente” billóns de cartos a países de todo o mundo. Canalizan o diñeiro do Banco Mundial, da Axencia Internacional para o Desenvolvemento (USAID) e doutras organizacións internacionais de ”axuda” cara ás arcas das grandes corporacións e os petos dun puñado de persoas con moita acumulación de riqueza e que tamén controlan os recursos naturais do planeta. Entre os seus instrumentos figuran os ditames financeiros fraudulentos, as eleccións amañadas, os subornos, as extorsións, etc... Ese xogo é tan antigo como os imperios, pero adquire novas e terroríficas dimensións, neste tempo.
Diande desta situación, a maioría dás organización políticas e sindicais a nivel mundial , non saben que facer, dubidan, algunhas teñen un discurso crítico contra o fenómeno, e moitas outras calan e seguen tirando proveito do xogo negociador co poder diante da desfeita que están vendo nos seus países. Se un di que chove e outro que non, o mais lóxico e abrir a fiestra e chegar a unha conclusión propia.
Sobre este asunto fareivos outra recomendación, non deixedes de ver a ópera prima de J. C. Chandor “ O prezo da cobiza”. É un ensaio sobre da ambición na sociedade é o risco que teñen as persoas de perder a súa integridade con tal de salvar o pelexo, onde xa non vale a lei d@ máis forte –nin sequera d@ máis list@–, senón a d@s sen piedade.
A crise enerxética e alimentaria mundial na actualidade é unha proba do que estou argumentando; as políticas económicas avanzan na concentración da riqueza, dun xeito progresivo, namentres o mundo empobrece a unha velocidade inimaxinable. O retroceso que a maioría da humanidade está a sufrir como consecuencia deste proceso é unha evidencia. O confronto bélico entre potencias e os realineamentos políticos desta época merecen novas consideracións , lonxe do convencional, do de sempre; non estamos diante dun choque de civilizacións, nin de democracias contra ditaduras, nin de occidente fronte o demais. É posíbel que precisemos de novas políticas e as persoas temos que tomar conciencia da necesidade de organizarse fronte os privilexios de toda caste, a concentración de riqueza, o papel dos Estados Nación e da representación política. Temos diante de nós esa responsabilidade. En xogo están as propias liberdades.
Fermín Paz