Dous mitos caídos

Agora si. Xa non ha dúbidas. Podemos afirmar que Xosé Luis Baltar, o principal dirixente político da vida oficial ourensán das últimas décadas, é un delincuente.Gañou case todas as eleccións nas que participou pero incumpriu a lei nun caso concreto (e tal vez noutros que nunca ficarán xudicialmente sancionados).

Por Xesús Veiga | Compostela | 07/08/2014

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Lamentablemente así se escrebe a historia:os votos non certifican a integridade moral e a inocencia penal das persoas electas.Só demostran que os electores confían en determinados políticos e mesmo chegan a ser cómplices daquelas prácticas notoriamente incompatíbeis cos códigos éticos dun sistema democrático de calidade.
 
O azar quixo que a condena de X.L. Baltar sexa coincidente no tempo coa confesión de Jordi Pujol a respeito da utilización de paraísos fiscais para salvagardar unha parte do seu patrimonio.En ambos casos estamos ante gobernantes que suscitaron un forte apoio popular durante moito tempo e foron símbolos representativos dos procesos rexistrados nas súas respectivas sociedades.Habitaron no universo da mitoloxía política.O “cacique bo” ficou entronizado como alfa e omega do novo concepto patentado polos seus acólitos:a ourensanía.O ex –president foi elevado á categoría de “primus inter pares” no proceso de construción nacional de Catalunya.Mentres Baltar foi un exemplo paradigmático da continuidade básica da elite política franquista na Galiza dos anos 70, Pujol representou o modelo alternativo:pasar polos cárceres da ditadura antes de acadar a máxima responsabilidade na Generalitat.
 
A pesar de que, nos tempos que corren, case todo é posíbel, segue resultando sorprendente comprobar o nivel de hipocrisía analítica exhibida nas tribunas mediáticas ou nas reaccións das organizacións políticas dominantes.Os mesmos que ven na fraude fiscal de Pujol unha demostración da perversión esencial que percorre o nacionalismo catalán non consideran que a conduta delitiva de Baltar implique unha simétrica descualificación do nacionalismo español que postulan Rajoy e Feijoo.E, por suposto, as comisións de investigación ou as dimisións que se reclaman nun caso non teñen correlato no prudente silencio que se garda no episodio que afecta aos mais afíns.
 
O comportamento de Pujol é moi grave e provoca unha inevitábel contaminación no proceso que se está a vivir en Catalunya.En calquera caso, a historia demostra que a consecución da independencia dun territorio non garante, automaticamente, a resolución de todos os problemas e conflitos que afectan a ese corpo social.Pode servir para asegurar a liberdade nacional pero non é, necesariamente, un antídoto fronte á corrupción e outras miserias instaladas en tal ou cal país.Por iso existen alternativas nacionalistas diferentes e non é apropiado practicar un reducionismo simplista que elabore modelos homoxéneos  para todo tempo e lugar.
 
E por se tiñamos algunha dúbida, falou Feijoo para ver a palla no ollo de Jordi Pujol e non ver a viga sobre a que se sostén o seu partido en Ourense.A prevaricación cometida por Baltar tiña un obxectivo moi preciso:asegurar a sucesión do seu fillo no posto de mando provincial.Se o presidente da Xunta quixese dar unha lección práctica do que debe ser a rexeneración democrática tería que pedir ou forzar a dimisión de Xosé Manuel Baltar por ser o principal beneficiario do delito cometido polo seu pai.O vello dilema:barcos sen honra ou honra sen barcos.Xa sabemos cal é a elección de Alberto Núñez.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.