Un desacougo permanente

Son un forasteiro na cidade en que vivo, na propia tribo natal, incluso na patria do corazón, na que escollín e me escolleu, na que mais amo… Manuel María

Por Fermín Paz | As Pontes | 14/07/2022

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Neste artigo non vou desenvolver conceptos como o ecoloxismo e o sindicalismo. O que me interesa é falar da interrelación que deberan manter estes dous sistemas organizativos. O primeiro, como movemento activo para coidar do medio ambiente e, o segundo, no plano socio-laboral . Non é bo o desacordo entre estes dous espazos, ámbolos dous perden potencialidade.
 
É necesario chegar á confluencia entre o traballo asalariado (neste tempo histórico de crise sistémica do modo de produción capitalista), e as esixencias de protección dun planeta ameazado por múltiples desastres ecolóxicos, moitos deles, xa comprobados.
 
A realidade precisa establecer propostas e espazos de colaboración para afrontar tanto a crise do sistema económico como a dos ecosistemas. Cada vez é máis difícil a elección entre a supervivencia colectiva a longo prazo, ter un emprego e chegar a fin de mes. A situación está a producir na maioría da xente, un desacougo permanente.
 
Para comezar fareime unha pregunta, que pode e debe facer o sindicalismo cando ten que construír unha relación desta natureza?. Desde logo non refuxiarse exclusivamente no discurso critico contra o sistema capitalista por manter o seu obxectivo de crecemento ilimitado, cuxo efecto colateral é a devastación medio ambiental, a eliminación progresiva dos postos de traballo e a súa precarización . Debe tentar ir mais aló e, integrar a cuestión ecolóxica como asunto central nas súas análises e propostas de acción sindical e loita, tanto a nivel xeral como sectorial.
 
Por iso, precisa debater e atopar consensos co ecoloxismo fuxindo das análises xeralistas na defensa do medio ambiente ou na abstracción, dunha industrialización racional. As solucións concretas adoitan ser moito máis complexas, por exemplo cando se propón o peche dunha fabrica utilizando como coartada, o da “transición xusta”, nunha estratexia perfectamente deseñada da que xa falei no artigo: Todas as horas deixan feridas, a derradeira mata.
 
Estou convencido que a responsabilidade ecolóxica é de todos, mais non todos, temos a mesma responsabilidade. Nas derradeiras tres décadas do século pasado, a industria tivo un desenvolvemento aloucado certamente, mais poucos chifraron diante daquela carreira algo tola e ben trampulleira. Sabedores de onde viñamos , a presa por industrializar non foi aparellada a todo o demais. A nosa forza de traballo xamais foi ben valorizada polo capital e por iso, o seu intercambio por un salario e unhas condicións dignas sempre foron fonte de conflitividade laboral e social . Tempos de confinamento das liberdades e tamén dun “deixar facer” a calquera proxecto industrial con afectacións moi importantes e desequilibradas tanto na terra como na xente.
 
Hoxe, @s asesores de grandes grupos empresariais decatáronse que, a cuestión medio ambiental, pode converterse na base dun ataque xeral ao sistema industrial promovido de xeito moi maioritario pola iniciativa privada e deseñan novas estratexias para obter a complicidade dunha boa parte do poder político e da maioría do pobo. Namentres a desfeita da natureza , a degradación do medio ambiente e a urbanización do territorio, prosegue daquel xeito e calquera maneira. Nesta convulsión nace a chamada “nova industrialización” porque eu négome a denominala con ningún cualificativo que emparente co termo revolución.
 
A dialéctica, meteu de cheo a clase traballadora neste asunto e non só polo convencemento de que outro mundo é posible, senón pola necesidade de defenderse diante das consecuencias para as condicións de vida que está provocando a devandita convulsión do aparello produtivo. Os capitalistas, quen os apoia politicamente e algúns medios de información, con posicións favorábeis a determinadas teses como a modernización industrial, tratan de instrumentalizar o cambio, ao seu favor.
 
Como a crise medio ambiental provocada pola súa rapiña era evidente e tiña moita dificultade negala, de súpeto, decidiron "verdear" a súa estratexia, propoñendo espazos cualificados, de transición, até un novo e necesario proceso de industrialización. Para facer o camiño, da vella fabrica obrigada a pechar até as novas instalacións “non contaminantes e comprometidas cun desenvolvemento sostible”, deixan clarificado parte dos seus obxectivos: xa non precisarán da mesma cantidade de traballadores, nin manter as mesmas condicións socio-laborais e a localización será a do mellor ofertante, onde mais facilidades atopen e onde mais permisivos sexan.
 
Este é, o eixo da súa esixencia a lexisladores, gobernos e a todo o andamiaxe institucional, ademais da coartada para xustificar tanto os peches como as promesas industrializadoras. De novo a base fundamental é, a produtividade, produtividade e máis produtividade. O único importante para eles, segue sendo: un aparello produtivo de nova tecnoloxía (a ser posible subvencionada), producir máis con menos custes e vender o que poidan e onde poidan. E para rematar un lema moi clarificador: "quen quede no camiño que colla de novo o sacho”.
 
Os defensores do capitalismo non acreditan nun decrecemento económico e industrial, como posible solución. Saben axustarse os requirimentos da oportunidade. A modernidade de hoxe significa, novos desequilibrios e desigualdades, en todas as súas vertentes.
 
Neste novo escenario de confronto, quen traballa non pode fuxir das problemáticas da relación laboral e dá necesidade da solidariedade entre a clase obreira e quen decide comprometerse coa defensa da natureza . É unha obriga a protección de todos os ecosistemas e para tratar de corrixir os danos producidos neles. O problema, a maioría das veces, xurde nas prioridades da acción. O sindicalismo propón que a súa loita vaia primeiro, por que ninguén quere arriscarse a seguir perdendo aínda máis no referente a dereitos, calidade do emprego, e mesmamente o traballo, namentres, o ecoloxismo esixe, acción e axenda para deter ou minorar as consecuencias do cambio climático e da súa espiral destrutiva para o mundo sen deterse nos efectos colaterais.
 
Os primeiros critican os segundos pola falta de sensibilidade diante da agresión constante aos traballador@s e os seus dereitos, namentres o ecoloxismo critica o sindicalismo por atrincheirarse na fábrica diante da evidencia científica que nos diriximos a un calexon sen saída a nivel mundial. Ovo ou galiña? Unha contraposición, sen resolución. Compre darlle un xiro a esta situación. Se fose doado, xa estaría feito.
 
As derrotas colectivas xeran debilidade, e a debilidade desconfianza e pouca ou ningunha combatividade que, á súa vez levan a novas derrotas. É un círculo vicioso do que é difícil saír, pero do que temos que fuxir custe o que custe sindicalistas máis ecoloxistas.
 
Haberá que cambiar como vivimos, como traballamos, como nos relacionamos e como facemos os plans cara o noso futuro. A verdadeira contradición insalvable é, a que hai entre a inmensa maioría e os que rematarán con todo por defender o seu dereito ao beneficio económico.

Fermín Paz



A Central térmica das Pontes foi un dos grandes focos de contaminación de Galicia/ LEA PAZ - Arquivo

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.