Ao compañeiro "Lamela", a quen desexo mellore na súa saúde
Houbo, e segue habendo, interese en instaurar no imaxinario colectivo a idea que, estamos achegándonos ao abismo e noticiando diariamente unha certa apocalipse. Todo está calculado, o medo fará o resto. Calquera problema de hoxe, preséntase como unha probatoria de que imos cara a destrución da civilización. Uns co cambio climático como nova relixión, e outr@s coa teima da perda dos valores civilizatorios de sempre, conforman a dicotomía política na que estamos inxeridos.
Chegaron os incendios e a seca. Logo do desastre, ágora vanse a estudar as causalidades polos especialistas para gañar tempo e o sufrimento dos máis afectad@s vaia escampando, á vez que envolven a súa deixadez na xestión con promesas restauradoras dalgún dos danos tanxibles. Quen vive da terra non será consultado, terá que conformarse coas axudas prometidas que chegarán tarde, mal e arrastro.
Moitísima hipocrisía para presumir de virtude e sacrificio, mentres o plan é deixar a moit@s na precariedade ou sen traballo e sen terra. Un mundo de amos e escravos, nada novo, todo vello.
É un cenario prefabricado e deseñado para permitir ao poder presentar unha realidade sen ningunha posibilidade de cambio, e cunha reorientación política xestora e acomodaticia con ditas prácticas e prédicas na maioría dos casos.
É evidente que así, non é doado vivir. Hai tempo a esquerda en situacións semellantes construía argumentarios e logo tentaba facer a revolta, cando menos non conformaba; hoxe cala ou segue a laiarse permanentemente das maldades da dereita, namentres segue instalada nos privilexios da representación institucional e que, de cando en vez, amosa a súa faciana protectora do delito e a corrupción, silenciando sistematicamente ou xustificando o mal facer das persoas nos adentros dás súas organizacións. Unha tapadeira máis.
Pregúntase o escritor inglés John Berger nun dos artigos que compoñen o seu libro "Coa esperanza entre os dentes" (Alfaguara 2011), por que hai xente que non quere facerlle caso a Marx, se foi el quen analizou e argumentou as calamidades nas que vivimos froito da lóxica da ganancia, ademais da perda das coordenadas políticas dunha parte importante na pola da esquerda que, sen mapa e sen proxecto algún, non sabe cara a onde dirixir. Recomendo a súa lectura @s de Podemos, Más Madrid, Iolanda e demais que foron instalando co seu facer nos espazos políticos colaboracionistas co PSOE.
Non quero facer utopismo barato, nin fantasías de mundos fermosos. Supoño que a estas alturas da película xa temos acreditado o que están a facer os contrarios e de ser así, aínda estamos a tempo de lles dicir "ata aquí chegamos" e a continuación facer propostas esixindo á representación que saia elixida que fagan políticas de transformación real e poñan limitacións o que en ningún caso pode nin debe facerse.
Aprendín que na práctica política sempre xorden dubidas en cada unha das encrucilladas da realidade. Na escolla é fundamental desbotar os atallos do infantilismo, o populismo, o seguidísimo acritico dos liderados e as fuxidas a ningures do aventurerismo.
Adiantarei con algún exemplo o que remato de esixir. Máis que nunca é necesaria a diferenciación entre o común e o único. O mundo da unicidade e a utopía da globalización é unha perversión política. Unha idea que termou de moitas contradicións e pese a todo foi, é, a ideoloxía dominante dende os anos 90 do pasado século. A caída do muro de Berlín foi o fin de festa na dialéctica dos dous bloques e para acreditalo o publicitaron masivamente e así o fixeron crer a xente de xeito maioritario, nunha especie de paraíso no que a comunicación e a mobilidade instalaría á humanidade nun planeta único e unificado polo sistema capitalista, gañador do confronto sistémico.
Pasado o tempo, a lei da unidade e loita dos contrarios, achéganos de novo, a conclusións moi importantes. O desenvolvemento ten unha orde tanto na loita das contradicións como na súa superación. Para iso é necesario non agachalas (as contradicións) , senón deixalas ao descuberto e logo desfacelas; non hai que deixarse convencer co relato falso de que a loita de clases rematou, senón levala ata o fin. En política, hai que ser intransixente coa necesidade dun mundo en común.
A mellor maneira de concretar dito concepto é facer a súa definición. O común é aquelo que non é nunca só noso, senón tamén doutras persoas, doutros colectivos, doutras sociedades, outros no pasado, outros no futuro e outros seres non humanos. Polo tanto, é un mundo de disensos, de disparidade, onde o que non é só noso tamén forma parte do mundo e, polo tanto, ten unha esixencia tamén de comprensión, de interlocución, de construír cos demais.
Estamos instalados nunha cultura de modelos únicos. A vida social, a vida política, a vida cultural non funcionan desde a unidade da fórmula, da receita. Non podemos patentar unha sociedade, non podemos crear un modelo a aplicar en todas partes. Este foi, é, un dos males do modernismo occidental, do progresismo, do europeísmo e do atlantismo, pensar que, se podía colonizar o mundo aplicando modelos e patróns de comportamento que, aínda hoxe seguen a reproducirse. O Estado Español é outro bo exemplo.
Voltarei á mitoloxía para rematar o artigo. Cando Pandora dáse conta do que está a suceder trata de pechar a caixa antes que saia todo. De aí vén o dito “a esperanza é o último que se perde”. Pois iso.
Fermín Paz