No mes que vén, setembro, vanse cumprir 50 anos da loita da clase obreira galega en xeral e tamén do deseño e a concreción dos primeiros xermolos do Sindicato Obreiro Galego (SOG), o principal piar que non o único, do sindicalismo nacionalista galego. Medio século despois daqueles acontecementos que, xunto os de marzal de 1972 fan un dos movementos principais no derrocamento da ditadura franquista. Tamén salientables son as motivacións políticas e a praxes dos que ergueron dito proxecto tan diferenciado dos sindicatos maioritarios no Estado Español, instalados dende o comezo no pacto social con seus cacarexos nalgunhas mobilización, en defensa dalgún enfrontamento na empresa, sectoriais ou de carácter xeral na contra dos Gobernos de quenda, mais sempre sen poñer o ovo na defensa dos dereitos da nosa clase e do noso pobo.
Os traballador@s deberamos estudar e comprender aquela loita para poder desenvolver o sindicalismo de hoxe, lonxe dos amarres legais da institucionalidade nos que apoia parte da representatividade que tanto fachandea a patronal, CCOO e a UGT, cando lles convén. Cando a CIG acada esa maior representatividade na nosa Terra, o corporativismo patronal-sindical-institucional fai ás súas alianzas para deixala sen efectividade e deixan o concepto, co "cú ao aire". Así é o modelo das Relacións Laborais nestes tempos, mais non estamos derrotados.
Hoxe vou falar un pouquiño destes asuntos coa intencionalidade, confesada de antemán, de darlle unha volta ao asunto das eleccións sindicais e do modelo sindical erguido sobre da nova relixión dunha representatividade moi contaminada.
Aínda que as eleccións sindicais fan unha segregación consciente da clase traballadora por categorías profesionais, ñ tipo de contrato, antigüidade, servicios externalizados, compañías auxiliares, etc..., hai quen defende que son un cimento da unidade de clase e de paso, as bondades da representación unitaria por entender que os Comités de Empresa e Delegad@s de Persoal fan unha acción inclusiva destas divisións no Centro de Traballo. É dicir que, pese a que nun mesmo espazo prodúcense multitude de situacións moi diferenciadas ás que a representación unitaria non pode dar resposta polos camiños legais, nin tan sequera convencionalmente porque non teñen dita representación, opinan que é unha boa ferramenta. Fixade na grande empresa nas que a eventualidade e a precariedade significan salarios e condicións diferentes que, mesmo son pactadas nos convenios. A lóxica da representación unitaria impón a prioridade a quen acredita estabilidade en dita estrutura empresarial e ademais nin son potenciais votantes nin teñen a súa representatividade.
Aínda así, dende os Pactos da Moncloa os asinantes de dito modelo sindical acordaron tamén a súa supervivencia de futuro, ademais da estabilidade nas Relacións Laborais. Non é ningunha sorpresa que, dende aquela sexa xestionado en exclusividade pola CEOE, CCOO e UGT . Estes dous sindicatos sabedores da súa perda real da influenza e da aparición nas empresas do sindicalismo autochamado "independente" e mesmo do fenómeno do amarelismo, traten de facer variacións no modelo inicial, tratando de potenciar a representación directa na empresa atraveso das secciones sindicais en detrimento dos Comités de Empresa e Delegados de Persoal, facendo unha especie de deconstrución da representatividade acadada nas eleccións sindicais.
A fondura do cambio é conceptual. Queren mudar a formula a un novo modelo de representación de facto sen facer ningún troco nas leis. Fundamentalmente o que están a facer é unha viraxe a sección sindical e deixar sen efectividade a representatividade da actualidade por entender que, é a mellor maneira de realimentar a estes dous sindicatos (CCOO e UGT), nas liortas entre a macroestuctura do sindicato e a representación no centro de traballo.
Xa hai varias sentenzas xudiciais que van a ter utilidade para reorientar o debate é o futuro do sindicalismo. É doado adiviñar por onde vai tentar camiñar o sindicalismo españolista. A Constitución Española (CE), no seu artigo 7 constitucionaliza o sindicato sen facer o mesmo cos Comités e Delegad@s de Persoal, os cales son creación duna Lei, cunha relación indirecta co artigo 129.2 da CE (ou co artigo 103.3 da CE no caso dos delegad@s e Xuntas de Persoal dos funcionari@s públicos). Polo tanto, na súa vertente colectiva, a titularidade obxectiva pertence aos sindicatos e a ninguén mais.
A estrutura institucional ten que ter apoio nesta base do sindicalismo, senón pouco ou nada se pode facer. Todo debera debaterse tendo en conta un só principio, tod@s decidimos. O que a clase traballadora non pode permitir nin consentir que o sindicalismo sexa financiado dende o poder e as empresas de xeito escurantista e onde as mesas de negociación dos convenios, as reconversións, reformas e pacto sociais se fagan sen a participación dos traballador@s. Este e non outro é o principal problema, é o prioritario. O demais non deixa de ser un remendo na andamiaxe sindical institucionalizada.
Voltarei a 1972. Todo o que pasou foi posible grazas a que, unh@s mozos e mozas e outr@s un pouco mais fogueados, defenderon a recuperación da práctica do asemblearismo onde tod@s podían expresar as súas posicións e propostas e tod@s quedaban obrigad@s a calibrar o apoio real de cada un de n@s. Como non é posíbel seguir vivindo das "rendas" daquela cointura o meu consello para este tempo diferente é que, confiedes mais na ferramenta que en todo o demais. O debate dos sindicatos españolistas entre representatividade e representación imposto pola porta traseira non serve para avanzar, é unha trampa mais.
Fermín Paz Lamigueiro
Fermín Paz