Imos sufrir

A política máis que unha ciencia hoxe están a convertela nunha ficción e no peor dos casos, nunha fuxida continua da lóxica e do sentido común. Este non é meu tempo e non estou a falar do reloxo. Tratar de enganarn@s unha vez mais coa afirmación que este outono e inverno, imos sufrir, non é ningunha sorpresiña é unha maldade. As medias verdades son falsidades. Vou o grao. A maioría da representación política non se vai atopar nesa situación.

Por Fermín Paz | As Pontes | 05/09/2022

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Sei que non é mais que unha declaración do igualitarismo de conveniencia. Estou afeito a que os  @s representantes do pobo falen en nome de to@s, mais desta vez négome pola pretensión final da campaña preventiva na que n@s queren mergullar para logo espetarnos, lembrade o que dixemos!!! Cando saian as rúas a facer propaganda das bondades do que están a facer, tanto desde o Goberno do PSOE como na oposición do PP, a xente do común deberíamos facer un esforzo por explicarlles de que vai o sufrimento.
 
Putin e os demais dese "reagrupamento do bando contrario" apoiándose fundamentalmente no mercado e na súa aparente ortodoxia de funcionamento, tomaron unha certa vantaxe nunha resposta calculada á gobernanza occidental que foron os primeiros en meter presión sobre da economía e finanzas rusas, tratando de afogalos e confinalos na "cova das ditaduras". O belicismo ruso na invasión da Ucraína trataron de compensalo cun rearme do exercito dese País e  unha intendencia armamentística con base nas empresas e nos exércitos do "mundo libre". O conflito pasou dun confronto entre dous Estados, por moito que un deles puxera a mascara dunha operación militar especial, a ter unha dimensión sistémica. HAI MOITAS MÁIS IMPLICACIÓNS E COMPLICACIÓNS DAS QUE NOS ESTÁN A CONTAR.
 
Culpabilizar a Putin de todos os nosos males forma parte da "coladeira desinformativa" e das necesidades propias do confronto. Cando menos, unha grande parte dos meus veciñ@s xa pecharon o creto que concederan a tal patraña. Alegro e espero que vaia estendendo a negativa a calar ou repetir as mensaxes-consignas que a política bota polo vertedoiro dos Telediarios e dos opinadores "ben pagados" do poder.
 
Tod@s deberíamos comprender que un confronto desta natureza, non se xoga só nun terreo, as guerras teñen máis dunha fronte. O da guerra híbrida que presentan como unha novidade  ten bienios, trienios e quinquenios de antigüidade. A desestabilización económica medrou dun xeito exponencial conforme  as posibilidades que fornece a globalización e as interconexións do mercado mundial.
 
Nunhas economías baseadas fundamentalmente na dependencia enerxética, alimentaria, industrial, comercial, etc., a estratexia deseñada por cada un dos bandos non vai a deixar de utilizar, unha cuestión decisoria no conflito e Putin e o seu asesoramento político teñen tomada a decisión de concentrar unha gran parte dos seus esforzos en aproveitarse das condicións obxectivas-subxectivas e as contradicións que están a producirse nos gobernos dos Estados que están apoiando a Zelensky e ás opinións publicas deses Países.
 
A primeira fase, a invasión, deu paso a unha confrontación ideolóxica cunhas expresións relevantes nas diferentes sancións a Rusia, tratando de desestabilizar ao seu Goberno e a súa economía. Sen estenderme moito, entramos de cheo na fase do desgaste. Polo que imos mirando e intuíndo, a pura lóxica  permite afirmar que en "tod@s os territorios cócense fabas", si, tanto no pobo ruso como nos do bando contrario.
 
A Presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen, di agora que hai que reformular o mercado eléctrico da Europa Comunitaria. Aínda que non acreditemos o que rematamos de ouvir, a grande representante do mercado libre é do deixar facer, está a defender o intervencionismo. Tanta defensa do respecto ao principio da Lei da oferta e demanda para facer logo, un entreguismo á realidade. Seguramente xa probaron con todas as receitas capitalistas e a envolvente das estratexias  obriga ao poder do "mundo libre" a mover os marcos e xa sabemos nesta Terra que dita práctica produce, cando menos cabreo e desasosego.
 
A cirurxía só do asunto gasístico na política enerxética é un remendo, non unha solución. Haberá que facer un reformulación xeral. Agora compre desvincular o gas para que o seu prezo non orixine unha dialéctica imposíbel de asumir pola dirixencia política xa que @s cidadáns cansos de tanta desleixo, contradicións, declaracións sen sentido, cheguemos a conclusión que non queda outra que a protesta.
 
O mercado libre é unha falacia A intervención  por uns (as empresas) e outros (os gobernos), é unha realidade, do mesmo xeito que a especulación existe na fixación dos prezos en circunstancias semellantes ás que estamos a vivir. Aínda lembro do estraperlo e non deixo de atopar semellanzas no funcionamento dos mercados, tanto legais como ilegais.
 
Uns días antes, o Alcalde de As Pontes e Secretario Xeral do PSOE de Galicia, dixo nunha entrevista na SER :
 
-"considero que sería una temeridad cerrar la planta térmica en el contexto actual",
 
-"el regidor  ha recalcado que mantener la central de carbón es una tarea ruinosa por los costes que supone",
 
-" finalmente ha señalado que todo apunta a que Red Eléctrica informará de que la planta es prescindible".
 
É un boa proba da torpeza dun representante. Os que están pendentes da decisión polo seu traballo, os desprazados polo peche e o conxunto da cidadanía que quere unha transición xusta, saben o que é o sufrimento termando da súa vida e das contradicións políticas. Bo exemplo de como facer unha carambola a tres bandas sen ter un mínimo de vergoña. Noxento!!! 
 
Nun artigo que titulei "A masacre de Ucraína" aproveiteime dunha cita de Paul Valéry, para afirmar que, a guerra é unha masacre entre xentes que non se coñecen, para proveito de xentes que si se coñecen pero que non se masacran.
 
Polo de agora os esforzos seguen concentrados en combater. Xa miraredes cando se poñan a negociar a paz, os acordos e as xustificacións que nos farán chegar. Daquela, os dous bandos satisfeitos  e cun sorriso entre orella e orella virán coa cantinela de sempre, a guerra rematou!!! O fodido é que independentemente da reconstrución, o regreso da xente a súa patria, d@s que quedan polo camiño, é o sufrimento da xente do común en todo o mundo que con toda seguridade perderemos para sempre. 

Fermín Paz



Vladimir Putin / temposgalegos

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.