Unha experiencia vital

Ao compañeiro Paulo Rubido que naquela folga do 2001 foi a miña áncora, man solidaria e de amizade ata, que a negrura dá escuridade invadiu a miña consciencia.

Por Fermín Paz | As Pontes | 13/09/2022

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Xa contei que no 2001, en Santiago, tiven que ingresar por urxencias no hospital e logo, no 2017, tiven que pasar outra vez polo "taller", desta vez na Coruña, para facer algún amaño pendente e necesario como consecuencia dunha disección da aorta. No primeiro caso sen ningún aviso e no seguinte, de xeito programado e xa sabendo dos riscos-beneficios.
 
A patoloxía desta doenza, polo que fun sabendo e informándome, segue a ser un dos retos máis importantes para a cirurxía cardíaca, tanto polos problemas incontrolados do sangrado perioperatorio como o posíbel dano no sistema nervioso central, que fan que o tratamento cirúrxico teña unha grande morbimortalidade asociada. Ou sexa que, de súpeto atópaste nun terreo comprometido aínda que non estou en condicións de precisar o preto ou lonxe que estiven clinicamente da perda da vida Só sei que, unha máquina termou de min certo tempo para poder facer a mellor reparación posíbel da desfeita namentres para  tal tarefa é necesario un coma inducido e unha hipotermia profunda ademais doutras técnicas que permite a quen sabe destas cousas rebaixar a posibilidade do dano neurolóxico. Dito na miña maneira de falar, non teño de que queixarme, levo máis de 21 anos de vida prorrogada, grazas as equipas médicas que me atenderon no Servizo Galego de Saúde. Xa amorticei de sobras os meus contributos á Seguridade Social e grazas á solidariedade no sistema público sanitario, os casos destas características poden ser tratados e resoltos. Hoxe tamén sei cales foron as causas da miña doenza e recibo unha boa atención e seguimento . Por outra banda, non descoñezo o que está a pasar na atención primaria, coas probas diagnósticas, coas listas de espera nas distintas especialidades e para operarse, así como nas condicións tanto laborais como do pouco persoal no Sergas para manter unha atención axeitada, mais hoxe só quero dar as grazas!!! a quen traballou e traballa neste Servizo Público.
 
O Doutor Manuel Sans Segarra fai unha apartación sobre dalgunha das claves na experiencia próxima a morte (ECM- en español). É un proceso que debería estudarse no ámbito médico e da Sanidade, nalgunha das unidades específicas dos hospitais. Quizais tiveramos novas explicacións científicas máis aló da previsibilidade e das crenzas de cada quen. Se alguén ten curiosidade e paciencia polos aportes deste especialista, pode míralos en: https://youtu.be/ubbp2aOA1mc. O vídeo ten unha duración de 42 minutos. Explica sinxelamente a constatación de que ninguén quere regresar a dimensión humana cando o/a doente traspasa unha certa liña entre a vida e a morte , segundo contan @s que tiveron unha experiencia destas características. Tamén di, o médico citado que, cando el fixo o seus estudos, estes temas correspondían ou ben a filosofía ou a relixión e que moi poucas persoas queren contar ditas experiencias porque non terían ningún creto e mesmo poderían considerarse como psicópatas ou farsantes tanto nos servizos sanitarios como entre @s amig@s e familiares.
 
Vou a determe un pouco máis neste asunto. A verdade que en todo este tempo, conformei con estar vivo e non preocupei moito dás cuestións filosóficas ou de outra índole aínda que, vivir  situacions  semellantes nas que o Doutor Segarra fixou a súa atención, sempre deixan algunha pegada. A resposta que lle din a meu irmán Xosé, logo de ver o vídeo e matinar un pouco no que di, foi a seguinte: interesante o vídeo, falarei co médico da equipa que me atendeu en Santiago. Das miñas lembranzas onde me sinto algo retratado, e na perda do medo a morte, na maior intuición que teño agora, na paz interior que tiven na fase de recuperación e na imposibilidade de comprender o Universo sen algunha lei ou lóxica do funcionamento na súa totalidade.
 
Manolo Sanlúcar, o guitarrista de flamenco, diante da morte dun fillo tentou falar co Demo e máis con Deus, atraveso de tódolos medios, intimamente e sen presas. Nunha reportaxe que puxeron na TV2, confesou que non acadara o seu obxectivo. Chegando á conclusión que, seguramente non existen ningún dos dous.
 
A vida cando fuxía de min deu a volta e regresou e con algún esforzo meu e d@s meus fun achegando a "normalidade" aínda que, con novidades, algunhas previsibles e outras non tanto. Hoxe, gusto dalgunhas rutinas, mais tamén da revolución dos adentros e das utopías que foron atopando acubillo no mundo. Obrigueime a desterrar para sempre da miña aposta vital a dor de calquera fratricidio entre os bos e xenerosos, ademais de estar onde quero e con quen. O ser non é saber para iso é preciso aprender e comprender tanto a fortaleza como a debilidade, a tranquilidade e o estres, a harmonía e o desequilibrio, o amor e o desamor, o certo e o incerto.
 
Rematarei cun introito que fixen para un artigo no que lembrei os 50 anos da creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG). Di así, "a importancia para meu ciclo existencial enfieino  do seguinte xeito. Cada un somos dun tempo e por iso tratei de deixar reflectida unha ensinanza de sempre e para sempre. Non é certo que, @s de antes teñamos a obriga de termar d@s de agora e quizais tampouco sexa o máis axeitado. O tempo só é unha bisagra entre a vida e a morte mais as ideas e a ciencia permiten manter a continuidade labiríntica do pasado, do presente e do futuro".

Fermín Paz



O planeta Terra cuberto cunha máscara cirúrxica / Universitat de Barcelona.

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.