Votar, valorizando o voto

... tanto ceo tanta primavera ves, isto é un acto político: torcerlles a vontade aos que obedecen... Chus Pato

Por Fermín Paz | As Pontes | 25/10/2022

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Queirámolo ou non, xa estamos metidos de cheo en campaña electoral. Gustaríame que o exercicio de  votar e decidir libremente fose sempre racional, baseado nos feitos e non tanto nas promesas de futuro. Rexeito as maneiras de facer política daqueles cuxa actividade ten como principal finalidade a  propaganda do seu bo facer e o demérito dos demais. Por iso, son moi crítico co electoralismo.
 
Non descoñezo totalmente das tácticas e métodos das estruturas partidarias, asesorías, medios de comunicación e opinadores "neutrais", dos liderados, das filtracións interesadas, da programación e do contrario, etc.., para tratar de influenciar no conxunto da xente  coa  utilización de procedementos e mecanismos ao límite da lei e moitas das veces, dun xeito abusivo.
 
O ciclo que temos por diante no 2023, é abondoso. Eleccións  municipais, autonómicas (nalgúns territorios) e logo xerais. A dinámica establecida pola lei e as organizacións competidoras maioritarias pouca marxe deixan para o contraste (que debera ser obrigatorio e respectuoso da pluralidade), no debate das ideas e proxectos. As organizacións políticas, cada vez mais, son maquinarias ao servizo da conquista ou a conservación do poder e cunha obsesión constante por debilitar as posicións d@s contrari@s, tanto de afora como nos mesmos adentros. Sirva como exemplo destes faceres, a filtración, supoño que tamén interesada, do que pasou con Gonzalo Caballero no PSOE en Galiza. Non sei o que aconteceu  neste caso, aínda que sospeito de manobras e algúns feitos pouco exemplares. Á espera dalgunha aclaración necesaria en democracia, continuarei coa lectura do libro de Bertolt Brecht,  na que conta o ascenso ao poder de Arturo Ui.
 
Sempre houbo  e haberá confrontación na dialéctica política. En tempos pasados, a base ideolóxica tiña como resultante, o cainismo, as purgas, a imposición dogmática e no caso de supervivencia, a división. Agora as pelexas nas interioridades das organizacións teñen algunha semellanza e  outras  derivas centradas moito máis na ambición persoal e nun burocratismo dirixido ao pesebrismo, que tanto medra na política como nos posíbeis apoios coa practica do favor e do beneficio ou no castigo  de calquera discrepancia ou crítica.
 
Non vou negar a existencia dun certo desánimo na maioría do corpo electoral. As causas teñen base nas incoherencias e contradicións da representación, na inconsistencia das promesas comprobada nos feitos, na ausencia de pedagoxía n@s liderados e na praxes apoiada no "amiguismo".
 
Unha das eivas fundamentais da nosa democracia é que a xente do común deixou de valorizar o voto xa que a política de hoxe non ten sustancia e leve a moit@s á conclusión que pouco ou nada se pode facer. Isto supón un verdadeiro perigo e unha advertencia aos partidos que defenden o réxime das liberdades. Queirámolo ou non, a política segue e seguirá a ter transcendencia na vida da persoas. Só por iso temos a obriga de implicármonos e complicármonos. A democracia, cos seus erros e acertos, precisa dun muro de contención fronte a calquera deriva, sexa ditatorial sexa das características das que estou a falar.
 
O voto non é un cheque en branco para quen nos vai representar.  Por iso é preciso que, ademais de valorizalo, sempre debemos esixir que teña utilidade tamén naquelas cousas  cun funcionamento viciado. Cando os asuntos da xestión pública van mal ou por camiños afastados das nosas verdadeiras necesidades precisamos que volvan ao rego.
 
Hai unha dinámica imposta. Pechar os ollos, negar o evidente, silencialo ou fuxir do que está acontecendo non deixa de ser un suicidio colectivo. Os mecanismos de control nas institucións non funcionan axeitadamente e as inxustizas van gañando terreo e complicidades.
 
 O futuro é unha especie de caixa na cal imos depositando, unha a unha, as nosas esperanzas. Os procesos electorais deberán servir para rescatar algunha delas, esperando que cheguen a facerse  realidade. Cada asunto dos que se aborden na campaña electoral terá unha magnitude específica e por iso vou poñer o foco nalgúns exemplos:
 
Vivo na Coruña hai un tempo. O meu asentamento na cidade é na Agra do Orzan. Un barrio coa maior densidade de poboación e cuxa característica principal non é a riqueza. Nos derradeiros 4 anos non houbo ningún investimento publico, só abandono. Se A Coruña somos todos e todas é tempo dabondo que na administración local o confirmen cos feitos e fagan algunha actuación ou plan que permita a veciñanza acreditar nese slogan do que fala moi a miúdo a propaganda institucional e mesmo a Alcaldesa.
 
Son das Pontes, onde nacín, vivín e traballei unha morea de tempo. O actual alcalde está moi afeito a contar as verdades a medias e como non ten tempo dabondo para darlle unha volta aos diferentes asuntos que debera xestionar (acumula moitos cargos), fala por non estar calado. Como xa está de precampaña di hai uns dias que o Concello era o lugar de Galicia onde máis medra a renta per cápita, por primeira vez, segundo os datos do INE. Só esquece intencionadamente que dende o 2007 ate o 2021 perdéronse nesta vila 1500 habitantes; que o número de persoas maiores de 65 anos hoxe é de 2.630 e  das menores de 35 anos 2.561; a maioría dos xubilad@s  foron de ENDESA e súa pensión é produto do traballo sindical e mobilizador, non do Alcalde; no 2022 As Pontes baixará dos 10.000  veciñ@s e os representantes a elixir para o Concello pasarán de 17 a 13.  Non houbo ningunha acción milagreira, abonda só con facer outra comprobación no  imposto de actividades económicas (IAE) para ver a grande baixada no número de empresas, hostalería, comercios,, autónomos e profesionais como médicos, avogados, etc... O futuro está cheo de promesas pero polo de agora, esta é a realidade.
 
A miña terra e patria é Galicia e nela goberna o PP. A única posibilidade de cambio é que este partido non acade os 38 representantes e os demais sumen para ter a maioría no Parlamento e, como consecuencia, cheguen a un acordo para elixir un goberno e quen o  presida. O meu voto terá esa orientación é prioridade, aínda que teño un temor fundado que o PP poda gobernar en minoría pola decisión do PSOE na nosa Terra
 
Non me esquezo do proceso electoral nos centros de traballo do que falei noutro artigo, no que afirmaba que estase a  impoñer, polo porta traseira, un novo modelo exercido polos aparellos de CCOO e UGT na interlocución co goberno e a patronal, e polas súas  secciones sindicais nas empresas en detrimento dos Comités de Empresa e Delegados de Persoal, facendo unha especie de deconstrución da representatividade acadada nas eleccións sindicais e tratando que a CIG, sindicato maioritario na Galicia, non teña a mesma valorización que teñen CCOO e UGT. Pregúntome, logo para que vale o voto nas eleccións sindicais?.
 
A ministra Teresa Ribera di que as eléctricas non están a xogar limpamente e critica o seu comportamento. Non sei se coñece o que fixo a UGT en Endesa no V Convenio, xa que, coa sinatura en solitario e sen ningunha consulta aos traballadores, fixo posible que os accionistas desta empresa percibiran 515 millóns de euros en dividendos pagados polo valor dos dereitos do persoal activo e pasivo eliminados. Primeiro por vender unha empresa publica española a outra italiana, tamén con maioría estatal, onde o PSOE non pode máis que autoculpabilizarse desta desfeita e sindicalmente por seguir afiliad@ a unha estrutura que vende os dereitos dos traballador@s, non te deixa participar na toma de decisións e continúas a pagarlles unha cota. Un verdadeiro caso de masoquismo político e sindical.

Fermín Paz



Votación nunha urna - Arquivo

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.