Apuntamentos dende a lóxica

... Non te perdas que o mundo necesita a quen poña en dúbida, cada día, o lóxico... Cris Bajo

Por Fermín Paz | As Pontes | 31/10/2022

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Quero formular unha proposta que teña utilidade para o conxunto do nacionalismo galego. Hoxe, so farei algúns apuntamentos lóxicos. 
 
Entre a declaración da II República en 1931 e o inicio da Guerra Civil en 1936, foron tres os territorios que chegaron a aprobar os seus estatutos de autonomía: Cataluña en 1932, País Vasco e Galicia, en 1936. Por esta razón, en 1978, unicamente estes territorios tiveron a consideración de "nacionalidades históricas". Andalucía tamén xuntouse ao grupo primeiro pouco despois, aínda que por outra vía legal e por outras razóns, máis que políticas de oportunismo. 
 
Dende aquela moito se ten debatido e mesmo experimentado a posibilidade de construír un camiño que fixera a estes territorios acadar o seu status nacional sen titorías, vixilancias e limitacións. O Tribunal Constitucional Español ten sentenciado sobre das diferentes interpretación que foron xurdindo deste termo :”…. nación pode, en efecto, falarse como unha realidade cultural, histórica, lingüística, sociolóxica e ata relixiosa. Pero a nación que aquí importa é única e exclusivamente a nación en sentido xurídico-constitucional. E nese específico sentido a Constitución non coñece outra que a Nación española...”. Ou sexa, a vía legal está pechada. 
 
Metido de cheo na dinámica política de hoxe, falarei dalgúns condicionantes que compre analizar. Unha diferencia fundamental é que, na Galicia nunha houbo un goberno nacionalista que permitirá algún avanzo da autonomía de seu. Os vasc@s e catal@ns teñen mellores ferramentas para presionar e negociar co Goberno do Estado; o que está acontecer nesas dúas nacións e nas propostas das forzas nacionalistas é unha experiencia que temos a obriga de calibrar axeitadamente; o nacionalismo galego ten mais base ideolóxica que o españolismo, mais no plano electoral e sentimental queda moito por facer e non deberiamos seguir dependendo dunha simbiose co españolismo e a súa base electoral; a única organización representativa no Parlamento Galego é o Bloque. As Mareas foron diluíndo en Unid@s Podemos e os demais nacionalistas galeg@s parecen conforman coas súas análises e pequenas influencias a espera da súa oportunidade; a comodidade da trincheira e dos dogmas non deixa de ser unha fuxida continua a ningures; as experiencias dos procesos de unificación deixaron pouso negativo mais tamén ensinanzas positivas; a CIG é un bo exemplo de que unificar non é so un exercicio matemático.
 
A base electoral e a súa tradución parlamentar das diferentes alternativas nacionalistas non chega para gobernar, nin aquí (Galicia) nin acolá (Estado Español) e, queirámolo ou non, aínda quedan outros marcos ou espazos, nos que estamos inxeridos como a Unión Europea, Otan, na complexidade da loita contra do neoliberalismo, as súas prácticas históricas, as súas fontes económicas e as súas afiliacións políticas, ideolóxicas e sociais, todos eles condicionantes extraordinarios a valorar e ter en conta para erguer unha alternativa críbel. 
 
Se ninguén quere mover ficha no taboleiro político non deixaremos de ser unha complementariedade da esquerda españolista, tanto no parlamento español, como nalgunha Deputación., ou depender dela para calquera aspiración de chegar a gobernar. Só nalgún Concello se ten a gobernabilidade, froito máis ben de liderados consolidados ou da necesidade dunha especie de freo de man ao hexemonismo do PP na nosa Terra. Cando houbo  oportunidade no Parlamento Galego (o  tempo do bipartito), Touriño foi o Presidente e daquela andaina pouco mais que subliñar, como non houbo programa a xestionar, as clásicas diverxencias entre organización e liderado convertéronse nun debate permanente no interior, namentres os socios do cogoberno fixeron o que  lles petou. Queda aínda por comprobar se o PSOE terá a necesaria complementariedade co Bloque para presidir o vindeiro Goberno galego. Manteño as miñas dubidas que non despexarei ata que o vexa. 
 
Na política do Estado Español hai novas dinámicas tanto na esquerda como na dereita. No primeiro caso estase a tratar de  darlle  outra amplitude organizativa ao conxunto daquel cambio que no 1982 protagonizou o PSOE en solitario (cos 202 parlamentari@s), e agora está a madurar outra alternativa conformada por máis actores e organizacións para as eleccións xerais de 2023. O socialismo español xa non é quen de encher todo ese espazo. No segundo, na dereita, todo o contrario. Os esforzos do PP tenden a reagrupar todo o espazo ideolóxico nunha alternativa única para beneficiarse do efecto multiplicador do sistema electoral.
 
O nacionalismo galego ten que facer unha análise, canto mais axiña mellor sobre dous trazos fundamentais, a compatibilidade e a complementariedade nas diferentes organizacións que o conforman de cara o incremento da súa base electoral e a súa tradución parlamentaria. Para min, esta é a prioridade. O nacionalismo é o común denominador, a estratexia, o demais teñen que ser movementos tácticos. Os esforzos de tod@s nós precisan dunha reorientación cara o norte. As viaxes o centro ou a outros espazos ideolóxicos, non precisan dos nosos esforzos. Sei das dificultades para remontar as tensións doutros tempos. Tamén sei que articular os diferentes perfís políticos e lexítimos intereses partidistas dende o respecto á pluralidade, liderados compartidos e formas de entendemento democráticas e cooperativo, non é doado. Mais tamén sei que é o único camiño posible. Unha nova fronte é necesaria para definir os limites dun Programa común tanto na súa actuación como na estrutura organizativa. Este pequeno contributo ten eivas, mais quen queira sachar,¡¡¡ adiante ¡¡¡
 
A situación política non vai ir a mellor e non será posible avanzar, nun proceso desta natureza, só cos desexos. Como os resultados dos procesos electorais que veñen deseguido terán moitas lecturas e interpretacións a lóxica e a liberdade de pensamento levoume a facer estes apuntamentos. Mais non preciso saber deles. A proposta non vai perder peso específico e as conclusións termarán dos argumentos, mais aló destas eleccións. 
 
Rematarei o artigo lembrando unha ocurrencia inxeniosa do filósofo Bertrand Russel. Nunha conversa dixo: dunha afirmación falsa pódese deducir calquera cousa. Alguén que o escoitou propúxolle unha cuestión provocativa: se dous máis dous son cinco, eu son o papa? Logo de matinar uns segundos, respostoulle: se dous máis dous son cinco, catro é igual a cinco. Se restamos tres a ambos os dous lados da ecuación, temos que un é igual a dous. O Papa e eu somos dous. Como dous é igual a un, entón eu son o Papa. 

Fermín Paz



A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no arranque da XVII Asemblea Nacional. M. DYLAN /EUROPA PRESS

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.