Viva a vida

Non é difícil dominar a arte de perder tantas cousas parecen cheas do propósito de ser perdidas, que a súa perda non é ningún desastre... Elizabeth Bish

Por Fermín Paz | As Pontes | 15/11/2022

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
A  tramitación no Rexistro Galego de instrucións previas (REGAIP), precisa dalgunha aclaración necesaria, xa que no SERGAS non se informa axeitadamente da súa concreción nas canles existentes na atención primaria. Nalgún caso non saben da súa existencia, noutros chámanlle testamento vital, eutanasía  etc... Non é mais que, un rexistro  sinxelo dependente da Consellería de Sanidade, no cal @s outorgantes, se así o desexan e cumprindo os requisitos establecidos, poderán facelo. É de natureza administrativa e dun carácter voluntario e declarativo
 
Vou facer hoxe unha especie de abaneo da vida no referente a súa perda ou ausencia. A vida  non é mais que, unha probatoria do ser e do estar neste Mundo cunha chea de contradicións. A morte é a negación da contradición e un comprobante dunha existencia precedente. Ámbalas  dúas, vida é morte, non son comprensibles por separado. Vivir non é unha suma de tempo  en calquera situación ou circunstancia. A morte é a orde e o desorde sintetizados. A vida sempre perde cando chega a morte. Cousa ben distinta son ás crenzas de cada quen. Unhas son  permisivas ata a infinidade, outras acreditan noutros envoltorios vitais, outras conceden mil e unhas posibilidades a prolongación do ser e do estar, e outr@s, entre @s que me atopo,  conformamos cun  remate da nosa historia  como un acontecemento natural aínda que ás veces, teñamos a obriga e a necesidade de poñerlle algún cualificativo cando é inesperada ou xurde de súpeto. Só neses casos a vexo como un desastre. En moitos outros, é unha liberación. 
 
Randéalle o carallo seguir a negar a loita de clases cando a mesma morte non se reparte equitativamente, ao contrario, nacer nalgunhas partes do mundo, significa estar destinado a unha morte prematura e moitas das veces, con sufrimento. Soamente cando se está morto, cando se opoñen dous cadáveres de distinta procedencia e clase, cando se presentan como corpos inertes é cando son totalmente iguais entre si.
 
Estou a lembrarme dos acontecementos na fronteira española de Melilla con Marrocos e tantos outros lugares do Mundo. O arame de espiño e a morte deixan nas democracias, feridas de moita gravidade. 
 
Os cemiterios son unha mostra salientable das crenzas, da cultura, da historia e tamén da sociedade de clases. Nos enterramentos, moitas das veces, deixamos ver a nosa maneira de entender o que ven logo da morte. Eu, non deixo de mirar, en moitos deles, unha especie de obsesión por manter un "status quo" tamén para o "máis aló", recreándose na inxustiza, na xerarquización social e na dominación. 
 
A dignidade non é respectada nin protexida na morte. Agora, un animal calquera, en especial as mascotas, teñen unha morte máis digna que calquera nen@ nado nos territorios que acumulan moita da pobreza mundial ou mesmo calquera persoa que teña unha doenza diagnosticada como irreversible, cunha calidade de vida moi alonxada da normalidade e sen ningunha atención familiar nin social. Aos animais, aplícaselles a eutanasia, namentres aos que non teñen nada, déixaselles podrecer onde sexa, a condición de que, non interrompan a vida cotiá.
 
Hai que traer de volta á morte, quitarlle toda a súa máscara simbólica, desclasala e facela universal, democrática, equitativa, para que a maioría, e non só os que teñen máis poder e cartos, teñan o dereito a unha vida e a unha morte tamén dignas.
 
Esquécese, intencionadamente, que existe unha identidade biolóxica que une a todo ser humano. Esta identidade é pre-social, isto quere dicir que non está contaminada por signos ou símbolos especiais predeterminados adrede ou de xeito antinatural. Dita identidade biolóxica ponnos diante dos ollos unha igualdade irredutible con tod@s os seres existentes, tanto @s que se foron como @s que están por vir. É unha igualdade que é anterior a todos os procesos sociais complexos. 
 
A miña perspectiva da vida, en xeral por todo o que está a suceder, é un sentimento cheo de moita convulsión, dificultade e tamén dalgún chisco de ledicia. Aínda así, gustaríame dar un berro  compartido  coa maioría da xente na miña Terra máis en todo o Mundo,  ánimo e adiante, viva a vida!!

Fermín Paz



Ramón Sampedro, o primeiro caso de eutanasia televisado / X.M. Albán

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.