Estamos tan intoxicados un do outro

Estamos tan intoxicados un do outro Que de improviso poderiamos naufragar, Este paraíso incomparable Podería converterse en terrible afección.... Anna Ajmátova

Por Fermín Paz | As Pontes | 21/11/2022

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Gusto de ir despexando algunhas dubidas, logo chegarán outras e, queira ou non, como non son dunha grande listura, terei que convivir cun feixe delas. Por moito que o tempo outonal nos queira enganar coa pouca choiva e as temperaturas moi por riba do que estamos acostumad@s, a friaxe e os temporais, veñen de camiño. Do mesmo xeito, os procesos electorais zouparan, con máis ou menos forza nas polas das arbores das ideoloxías e algunha novidade acontecerá, tanto no política como no tempo.
 
No artigo de hoxe vou partir dunha premisa antes de falar do que está a pasar entre Podemos e Sumar, como é: os liderados representan á organización xamais a substitúen. Organizar en política é unha das tarefas mais importantes e necesaria na xestión de calquera estrutura.
 
As divisións e as imposicións sempre foron unha oportunidade para que novas organizacións políticas tiveran o seu protagonismo, aínda que, a maioría das veces, terman pouco tempo. E non é menos verdade que, a mala xestión, os erros e as falcatruadas foron un bo esterco para o seu crecemento en combinación coa publicidade interesada dos medios de comunicación que fan política acotío, ben na súa liña editorial ou a traveso da positivación do facer dos seus liderados. Lembrade o que lle pasou o CDs, UpyD e Ciudadanos. A primavera na política como na vida, non deixará de ser estacional. A estabilidade nunha organización é un seguro en tempos de incertezas e dificultades. Fai de refuxio para o corpo electoral.
 
No proxecto Sumar atopo algunhas semellanzas para ser un novo capítulo desa serie de proxectos fracasados, aínda que tamén algunha variable. Vox coxea do mesmo pé, aínda que a súa maneira de facer púxose de moda no extremismo das dereitas en moitos países. O fascismo sempre tende a reaxir coas dificultades, é o seu escenario desexado para presentarse como “salvadores”. O mesmo Donald Trump, ven de propoñer a súa candidatura a Presidencia dos EEUU polo partido republicano "para facer a América rica grande e gloriosa de novo", logo de facer as de "San Quintín" co asalto ao Capitolio e tras do seu fracaso persoal nas eleccións do medio-mandato que rematan de celebrarse no seu País Non está de máis, lembrar hoxe o incendio no Reichstag (Parlamento alemán), o 28 de febreiro de 1933, o Goberno daquela, mantivo falsamente que fora o sinal para o asalto dos comunistas contra do Estado. Aquel feito, Hitler aproveitouno para declarar o estado de emerxencia e a suspension dos dereitos civís constitucionais e permiteu tamén decretar máis lexislación sen a confirmación parlamentaria. Deste xeito deu comezo o III Reich.
 
Centrareime agora na andadura de Podemos. As mostras públicas de afecto mutuo abriron algunhas cancelas cara a un cambio na política de alianzas e seguramente na estratexia dos derradeiros tempos. No pacto alcanzado con Esquerda Unida para as eleccións de 2016, a organización entón liderada polo "Iglesias" condicionou dita alianza á aparición da súa marca na papeleta da coalición, que finalmente pasou a ser Unidos Podemos -hoxe Unidas Podemos-. A organización soñaba entón con adiantar ao PSOE pola esquerda e as siglas xeraron expectación pola aparente novidade que supuña dita organización política.
 
Uns anos despois e tras das liortas internas vividas, as cousas xa amosan outras características e condicionantes. Podemos precisa mirarse no espello da realidade e logo, abandonar o seu narcisismo xuvenil xa que na universidade da vida, crerse moi espelido, case sempre, penaliza, no referente aos apoios electorais. Nun artigo que escribín hai algún tempo, co título, "Monedero, ou a esquerda sen luces de posición", xa falaba dos enfrontamentos que chegarían a Podemos + Aliad@s, como consecuencia daquela fase chea de moito rebumbio teórico e pouca “chicha” de cara a unha máis que posíbel e desexada, recomposición dos espazos políticos no Estado Español. Pola teoría dos vasos comunicantes, a resolución desta crise, deixará tamén o seu pouso na Galicia no relativo as Mareas e outras denominacións coa mesma orixe ou impulso. A tensión interna é, a resultante dunha dialéctica provocada por un ideario errado, un asentamento de conveniencia e dunhas prácticas moi contraditorias.
 
Un dos obxectivos da posible candidatura para 2023, liderada por "Yolanda" conta de partida co apoio dos Comúns e de Compromís para conformar un sumatorio no que se propón como idea fundamental, a de atopar adhesións a este novo proxecto  agachando as siglas de cada un dos sumandos ou partes que o van conformar e que fará (segundo din), mais doada unha política ampla tanto no programa como nas alianzas. Outras forzas como Máis Madrid e Máis País (alternativa estatal  de Iñigo Errejón e Manuela Carmena), aínda non deron o seu apoio, seguen a peneirar na proposta. Podemos vén de anunciar unha decisión que vai condicionar este novo proxecto. Néganse a diluír as súas siglas nesa nova aventura electoral aínda que a formación sexa consciente de que a vicepresidenta segunda é a única opción real para liderar unha candidatura estatal á esquerda do PSOE. Para a supervivencia política precisan chegar a un acordo. Se ben esta derradeira cuestión pode ter algunha variante a nivel persoal, pois a ministra de Traballo podería atopar unha saída nas ringleiras do PSOE, se as alianzas cos morados non fosen posibles.
 
O que está a pasar neste confronto político, non deixa de ser unha loita tribal entre amigos sen amizade, unha trampullada verdadeira, unha converxencia en parárelo, etc...De manterse esta situación no tempo, o desgaste collería máis velocidade e tería consecuencias negativas para as organizacións que están a participar neste debate xa que, a partires desa constatación quedarían ao descuberto dúas cuestións: a suma sería unha resta, e a pelexa pola construción dun novo suxeito político no escenario estatal, entraría en vía morta. Van camiño de novo en convertelo nun terreo ermo, xa que para a súa xestión está acreditado que o fundamental é a convivencia dentro da pluralidade, o programa común e a aceptación das decisións tomadas nas diferentes estruturas organizativas sempre de xeito democrático. Neste alongamento artificioso da esquerda hai unha certa tendencia ao centralismo democrático que é un principio aceptado e defendido só nas organizacións de pensamento comunista.
 
Na esquerda da esquerda, logo da ilusión chega o de sempre. Compre definir ben de que espazo están a falar, porque ao non ter unha referencia para a orientación espacial dito terreo é case ilimitado. Conformaría con que fixeran unha precisión: é o PSOE a referencia a partires da cal se quere erguer o proxecto ou tamén forma parte da esquerda?
 
Si Sánchez volve a ser Presidente do Goberno Español podería nomear a Monedero como ministro sen carteira, para dar cobertura á proposta feita pola ministra portavoz Isabel Rodríguez para difundir información pública nas emisoras de radio, televisións, etc... "algo semellante ao do Tempo" . Vén o inverno, tal vez sería un bo remedio para a friaxe ou, cando menos, para quentarnos aínda mais, a cabeza.

Fermín Paz



Pablo Iglesias e Yolanda Díaz / Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.