Cúmprense agora 25 anos da chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta.O trunfo electoral rexistrado no mes de Decembro de 1989 foi tan axustado que permite realizar un atractivo exercicio de especulación mental:qué tería sucedido na vida política galega se o PP non acadara, daquela, a cifra de 38 deputados?
A configuración dun hipotético goberno alternativo sobre a base de acordos ou compromisos entre PSdG, Coalición Galega, Partido Nacionalista Galego, BNG e PSG-EG suporía, de entrada, o fracaso da operación retorno deseñada por Fraga e debilitaría a consolidación do PP como partido hexemónico nas institucións do autogoberno galego.Tal circunstancia, ademais, podería facilitar a recomposición do mapa político cunha maior presenza das catro forzas que conformaban o universo galeguista daquel momento.
O resultado de 1989 e a posterior modificación da lei electoral promovida polo ex –ministro franquista rematou definitivamente coa viabilidade de CG e favoreceu a converxencia de diferentes segmentos nacionalistas na casa común que representou o BNG.A partir de 1993 -e durante case vinte anos- o Parlamento do Hórreo funcionou con tres formacións políticas e o PP só perdeu a maioría absoluta na lexislatura que comezou en 2005.
Dende as primeiras eleccións autonómicas celebradas ao remate de 1981, o dominio político do PP só foi interrompido en dúas ocasións:no bienio 1987-1989 como consecuencia da moción de censura que abriu a porta ao tripartito de PSdG/CG/PNG e no período 2005-2009 por mor da coalición entre socialistas e BNG.Este balanzo histórico certifica a considerábel fortaleza do partido que hoxe encabeza Feijoo e as graves carencias padecidas polas distintas organizacións da oposición.Por iso, a cita electoral de 1989 foi particularmente decisiva:ademais desa solidez estrutural do PP, o liderado de Fraga evitou o medre das fendas existentes na década dos oitenta e contribuíu a decapitar o proxecto de conformación dunha dereita galeguista a partir do relativo éxito acadado por CG en 1985.
Cambiou moito Galiza nestes 25 anos? Mudaron substantivamente as organizacións políticas? Estas preguntas requiren, sen dúbida, unha análise mais demorada da que se contén neste comentario mais é posíbel adiantar, como mínimo, unha tese interpretativa:as transformacións operadas nos comportamentos políticos da sociedade galega foron menos relevantes dos que se rexistraron nalgúns dos protagonistas daquela conxuntura histórica.Entre o “fagámonos respectar” que invocaba Xosé Luis Barreiro como cabeza visíbel de Coalición Galega e as posicións discursivas que mantén na actualidade media unha distancia suficientemente ilustrativa das características da maioría da elite política realmente existente neste País.
Xesús Veiga