Na lembranza de Lois Cal Tórella

Sempre hai un tempo para marchar, aínda que non haxa sitio onde ir. Tennessee Williams

Por Fermín Paz | As Pontes | 01/04/2023

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Desde a túa marcha moito levo matinado nos acontecementos dos derradeiros tempos. O que  foi xa non é, mais quedan en min, as lembranzas. Hoxe quero comentarche algunha desas vivencias. Síntome obrigado de facelo. Desexaba falarche e non atopaba o momento nin o lugar. 
 
Un día deste marzal, imaxinei unha conversa dos dous, dando unha volta pola miña aldea (Ribadeume) para  logo achegármonos a outra, (A Faeira), e pisar camiños vellos no Rego dos Bácaros, Terbá, Rebardille, a Fervenza de Bermui e achegarnos a Monfero, o mirador da Carbueira; regresar As Pontes e subir o Caxado e rematar a xornada no alto de Fontardión. Quería estar o máis alto posíbel e contemplarmos xuntos, o val de As Pontes e o rio Eume e as terras da contorna. Foron e seguen a ser  escenarios onde compartimos unha parte dos vivires que deixaron en nós, unha pegada de moita intensidade. Falamos un bo pedazo  ate que o silencio impuxo as súas leis. Saimos deste mundo vello polo camiño de volta a unha e outra realidade. As  dúas inseparables no espazo-tempo. 
 
Uns días despois, lendo "O neno perdido" de Thomas Wolfe , de súpeto viñeron a min reflexións envolventes sobre o tempo detido diante do feito da morte e das lembranzas que deixa como herdanza, o amigo. É un tempo coa súa dinámica propia, aínda que sexan só unhas migallas do "todo". 
 
E máis adiante lembreime tamén das pequenas conversas e do grande humanismo que eran quen de transmitir no seu falar, o Manuel María e a Saleta polos seus coñecementos profundos sobre das encrucilladas da vida naquel tempo compartido onde as doenzas xa esixian   mais pouso ainda mantendo o compromiso . Un maxisterio  de pouco tempo e moita densidade namentres agardabamos sentados na pedra e a sombra na Praza da Quintana, á espera das intervencións dos liderados nas manifestación do día da Patria (aló polo 2001 e algúns mais). Deste enguedello do sentir, da razón e da solidariedade xurde  a necesidade (logo de consultar coas outras amizades), dá denuncia política e a petición de responsabilidades polo trato deshumanizado  que tiveches no hospital e no que deberías ser atendido de maneira diferente a como o fixeron. O feito probatorio da condición na que te atopabas  foi  nas seguintes 24 horas, chegou a túa despedida inesperada. 
 
Sabes que botei de menos nos derradeiros tempos? Non poder achegarme máis xunto a ti e poder conversar, mirándonos os ollos. Teño escoitado moitas veces o consello de non esquecer dicir as cousas a tempo ás persoas que queres. Deixar pasar esa oportunidade non é bo nin desexable. Mais o pasado, aló vai. Falarei agora un pouco desas cousas pendentes, aínda que sexa fóra do tempo mais axeitado. 
 
Sempre admirei de ti, a capacidade que tiveches para  adiantarte o tempo, a creatividade para facer cousas novas sen deixarte levar polas rutinas e polos dicires duns e doutras. Aproveito para darche as grazas polo que aprendín de ti e logo comprobamos xuntos: un río e un monte son  á vez, moitos montes e ríos. Do mesmo xeito, chegamos á conclusión de que unha persoa non é só unha unidade, é moito mais. A  comprensión desa sabedoría, fíxonos máis flexibles sen perder o noso asentamento na terra. Quizás axudounos a ser mellores. 
 
Non lembro cando nos fixemos amigos. Seguramente non foi por un feito extraordinario, senón probablemente pola normalidade e amodiño. Cada un fixo a súa escolla a partires das coincidencias e do que fomos facendo en común. Só sei que, dende aquela, as nosas vidas quedaron enxugadas para sempre. Pouca importancia tiveron as diferencias que mantivemos no contraste dalgúns asuntos, a lonxania ou a proximidade. A resultante foi unha amizade equilibrada, moi probada e comprobada ao longo do tempo. Fíxose resistente. Unha especie de fortaleza indestrutible. Termou  e termará e só rematará cando o noso tempo non teña mais tempo. 
 
No camiñar pola vida sempre precisamos saber o un do outro. Non quero falar de novo de As Pontes, nin de datas, nin dos Pinabetos. Sería unha especie de limitación ou censura do teu, do meu, do noso. Nesta historia, a nosa, houbo unha parte de conxunción e pequenas pingas de : limitación, amplitude, valentía, medo, amor, desamor, músicas, silencios, lealdade, fraxilidade gozo, choros, gañar, perder, etc...,  foi unha sínteses de compromiso e loita á que todos os seres humanos  deberíamos estar obrigados para sobrevivir cunha certa dignidade. 
 
Pertencemos á mesma xeración, a dos soños polas liberdades que nos permitiron abrir as cancelas grises da intolerancia, da moralidade ao ditado e por iso, defendemos a posibilidade de colorear a vida doutro xeito e segundo as inquedanzas de cada quen, dunha maior e mellor xustiza social, dunha Patria sentida e non imposta. 
 
A vida é complicada. Mais o importante é comprender que canto mais nos complicamos, tamén mais aprendemos. E a esta conclusión chegamos os dous da man e quizá diso xurde a nosa complicidade mantida desde a nosa cativez. Dalgún xeito, esa etapa foi a forxa do que fomos despois.
 
Grazas a esa amizade, limpa, compartida e agarimosa. Grazas a Mariña, Pepe, Xosé Manuel, pois os catro, quixemos  ser unha pola mais da túa familia. 
 
Como en calquera cantiga popular galega... eu aló non fun, ela aquí non veu, ... Aí  vai a despedida, aí  vai a derradeira,... 

Fermín Paz



Operarios do naval na Ría de Ferrol protestan para demandar carga de traballo.

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.